Preto de 400 propietarios reciben os títulos da parcelaria da Graña, en Xunqueira de Ambía

Medio Rural entregou este venres os títulos, oito anos despois do remate da concentración parcelaria
entrega-titulos-parcelaria-a-graña-xunqueira-de-ambia
Entrega de títulos da parcelaria da Graña
14 Feb 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, presidiu esta mañá o acto de entrega de títulos de propiedade da concentración parcelaria da Graña, neste municipio ourensán.

Este proceso abrangue unha superficie de 413 hectáreas e beneficia un total de 387 propietarios. Mediante o seu desenvolvemento, pasouse de máis de 4.300 parcelas a 848, cunha superficie media dos predios que se ampliou desde os 813 aos preto de 4.000 m² e cun investimento total, por parte da Xunta, de preto de dous millóns de euros. Estes fondos propiciaron, entre outras actuacións, a realización dunha rede de camiños que supera lixeiramente os 21 quilómetros.

A conselleira do Medio Rural puxo en valor estes datos, así como o feito de que o termo municipal de Xunqueira de Ambía teña xa concentrado case o 37% do seu territorio. Ademais, María José Gómez felicitou os propietarios por recibiren os seus títulos e subliñou que, a través das parcelarias, contribúese a paliar o minifundismo, á vez que se procura reducir e reverter o abandono das terras produtivas, mellorando as condicións de desenvolvemento das actividades agrícolas, gandeiras e forestais.

Nesta mesma liña, a titular de Medio Rural afirmou tamén que a Xunta continúa apostando polos procesos de concentración parcelaria para incrementar o valor das terras, á vez que aumenta a base territorial das explotacións e se reducen os seus custos de produción.

Oito anos de espera

Dende o BNG de Xunqueira de Ambía celebran a recepción de títulos por parte de todos os propietarios e propietarias da zona da Graña, pero lamentan os retrasos neste proceso. Dende a formación nacionalista en Xunqueira de Ambía lembran que a concentración parcelaria rematou en 2016, pero que os títulos demoráronse ata o día de hoxe, oito anos despois. Iso si, poñen en valor este proceso que “permitirá unha mellor ordenación das terras e facilitará o traballo das nosas explotacións agrarias”.

0.21098804473877