Preto de 80 nenos e nenas da asociación Inventiva participaron nunha xornada científica e lúdica en Tecnópole

Os rapaces desfrutaron dunha actividade de fin de curso con familias, experimentos, xincanas e formación na Aula Newton Galicia
xornada-asociacion-inventiva-ourense
5 Jul 2026

Preto de 80 nenos e nenas con altas capacidades integrados na asociación Inventiva participaron nunha xornada formativa e de lecer xunto ás súas familias no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, nunha actividade organizada como peche do curso.

A asociación Inventiva, sen ánimo de lucro e con sede en Vigo, está formada por pais e nais de menores con inquedanzas intelectuais, talentos ou altas capacidades da provincia de Pontevedra. Segundo se indica, a entidade iniciou a súa actividade en 2015 co obxectivo de dar resposta ás necesidades formativas, psicolóxicas e sociais deste colectivo, ao tempo que apoia ás familias e ao profesorado na xestión do seu potencial. Na actualidade, reúne máis de 200 rapaces e rapazas de entre 4 e 16 anos e arredor de 130 familias.

Na actividade participaron distintas franxas de idade. O alumnado de cursos superiores, desde 6º de Primaria ata 4º da ESO, desenvolveu a súa mañá na Aula Newton Galicia, situada en Tecnópole, un espazo de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas orientado a fomentar vocacións científicas e tecnolóxicas cun enfoque práctico e innovador. Trátase dunha iniciativa impulsada pola multinacional Boeing, a organización FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.

A vicepresidenta de Inventiva, Ana Valverde, explicou que “estes rapaces necesitan que se lles estimule, precisan actividades que lles supoñan un reto”, e sinalou que a Aula Newton “cumpre con esas expectativas”. Segundo indicou, os participantes puideron empregar simuladores de voo profesionais, afrontar unha hipotética misión de rescate e realizar cálculos de rutas de voo, entre outras actividades.

Valverde engadiu tamén que “as actividades científicas aplicadas como esta, que teñen un enfoque real, engánchanos moito. E isto, unido á convivencia e ás relacións interpersoais, resúltalles de moita axuda”.

Pola súa banda, os nenos e nenas de entre 9 e 11 anos participaron nunha xincana científica, mentres que os máis pequenos realizaron diferentes experimentos adaptados á súa idade. Ao remate da mañá, todos os grupos asistiron conxuntamente a un espectáculo de ciencia.

Xa pola tarde, as familias completaron a xornada cun espazo de convivencia na piscina do parque.

Desde Tecnópole subliñouse o compromiso da entidade co apoio a organizacións sen ánimo de lucro, destacando que este tipo de iniciativas permiten facilitar o acceso a actividades formativas a colectivos con maiores dificultades para participar nelas. Ademais, avanzouse que en setembro está prevista unha xornada similar coa participación de Down Ourense na Aula Newton.

0.1323390007019