Preto de 80 nenos e nenas de Barbadás deron inicio ao Entroido coa tradicional Regueifa de Compadres

OurenseXa
A Praza Vella da Valenzá foi o escenario desta actividade na que participaron escolares do CEIP Filomena Dato e O Ruxidoiro
Regueifa de Compadres, Barbadás, 2025
Regueifa de Compadres, Barbadás, 2025
21 Feb 2025

A tradicional Regueifa de Compadres deu inicio este xoves ao Entroido de 2025 en Barbadás. Preto de 80 nenos e nenas pertencentes aos CEIP Filomena Dato e O Ruxidorio participaron nesta actividade que se desenvolveu na Praza Vella da Valenzá.

Para continuar co programa de actividades do Entroido de Barbadás, venres 28 de febreiro terán lugar os desfiles infantís do CEIP Filomena Dato, CEIP O Ruxidoiro e do Colexio Luís Vives, xunto co Centro Ocupacional “As Burgas”, un evento no que participarán preto de 1.200 nenos e nenas.

Ese mesmo día, Lito, da orquestra Panorama, dará o pregón das festas ás 20:00 horas, seguido pola Cea de Comadres nos distintos locais hostaleiros de A Valenzá (haberá descontos para quen reserve con antelación). A festa continuará con Gramola Disco ata as 02:45 horas. Ademais, estará habilitado un Punto Violeta, un posto de información para quen precise asesoramento en materia de xénero, desde as 22:30 horas na glorieta da Avenida de Celanova.

O luns 3 de marzo celebrarase o concurso infantil de disfraces no Parque da Solaina (se as condicións meteorolóxicas fosen adversas, trasladaríase ao patio do CEIP Filomena Dato).
O Gran Desfile de Entroido do martes 4 sairá desde a ponte da Avenida de Celanova ata a entrada de Ourense, nun percorrido só de ida, unha condición que se levaba demandando desde hai tempo debido ao elevado número de participantes.

Os percorridos serán anunciados nas distintas redes sociais de Protección Civil e estas publicacións serán compartidas polo Concello de Barbadás. Durante o desfile, haberá un posto sanitario dispoñible para calquera imprevisto.

As asociacións participantes no desfile poderán solicitar 300 euros para o material necesario de carrozas, comparsas, etc., ata o 3 de marzo de 2025 ás 12:00 horas. En total, o Concello de Barbadás repartirá 9.000 euros en premios e colaboracións. A entrega de premios das distintas categorías do desfile celebrarase ese mesmo día ás 20:00 horas.

Para pechar o Entroido, o Mércores de Cinza, 5 de marzo, terá lugar o desfile fúnebre e a posterior queima do Meco, que irá acompañada dun espectáculo de lume e fogos artificiais de Mystic Fire.

Con este programa, o Concello de Barbadás consolídase como un referente no Entroido, ademais de ser integrador, ao contar cun espazo reservado para persoas con diversidade funcional. Tamén haberá aparcamento gratuíto no Carrefour da Rúa dos Emigrantes a partir das 16:00 horas e ofreceranse caramelos sen glute para a mocidade.

0.15613985061646