Previsel pechou as portas da súa 18ª edición con 2.700 visitas

OurenseXa
O programa deste ano contou con máis de 50 actividades formativas que consolidaron á feira como o gran punto de encontro en Galicia no sector da prevención
previsel-expourense
Previsel 2025
14 Mar 2025

Previsel Salón da Prevención e Seguridade Laboral, pechou este xoves as portas da súa 18ª edición consolidándose como o gran punto de encontro en Galicia de todo os axentes sociais involucrados na prevención conseguindo o obxectivo de fomentar a cultura preventiva entre toda a sociedade a través dun completo programa con máis de 50 actividades formativas que conseguiu atraer ata o recinto de Expourense a 2.700 visitas que participaron activamente en conferencias e obradoiros prácticos.

Tal e como explicou o director xerente durante o acto de clausura “como organizadores do evento, supón unha enorme satisfacción ver a resposta sempre positiva recibida polas distintas administracións, asociacións empresariais, sindicatos, colexios profesionais e servizos de emerxencias cando se lles solicita colaboración para organizar Previsel. Entre todos eles elaboraron o programa de actividades, o máis completo destes últimos anos, no que puidemos participar estes dous días. Queda patente o interese de todos os que hoxe nos acompañan para que as cousas se fagan ben, garantindo non só a seguridade do traballador, senón tamén a súa saúde e benestar laboral”.

O acto de clausura de Previsel serviu un ano máis para recoñecer o traballo e a colaboración da trintena de entidades que integran que organizaron o programa de actividades e entre os que se atopan representantes da administración, asociacións empresariais, sindicatos, colexios profesionais, empresas especializadas e servizos de intervención e emerxencias aos que este ano se incorporou a BRILAT e centros de Formación Profesional. Todos eles contribuíron a demostrar que, para acadar o obxectivo de “sinistralidade cero” son básicos os conceptos de prevención e protección ao risco para eliminalo ou minimizalo que poñen no centro á figura do traballador e que garante empresas seguras e saudables.

Entre as actividades celebradas este xoves destacou o simulacro de excarcelación de accidente con vítimas no que traballaron coordinadamente os Bombeiros do Polígono Empresarial de San Cibrao, Tesgalicia, 112 Emerxencias Galicia, 061, o INEM de Portugal e o Samur 112 de Madrid. A Consellería de Medio Rural organizou un seminario sobre prevención de lumes forestais que reuniu a 150 profesionais de toda a provincia e CC.OO. impartiu un seminario sobre silicose.
Previsel 2025 contou co apoio principal do ISSGA e coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, ademais da empresa irlandesa “dulann”.

Remata así a primeira cita do calendario feiral de Expourense para o 2025. As seguintes citas feirais serán a primeira semana de abril coa celebración da 1ª Feira da Educación (2 e 3 de abril) e do III Salón do Vehículo Clásico (5 e 6 de abril). Por outro lado, esta fin de semana remata a tempada deportiva na pista de atletismo coa celebración Campionato de España de Atletismo Short Track Sub-16.

⚙ Configurar cookies
0.043081045150757