Previsel regresará a Expourense no mes de marzo

OurenseXa
Expertos en prevención e seguridade laboral organizan o programa que se dará a coñecer nas vindeiras semanas
reunion-organizacion-previsel-expourense
Reunión do comité organizador de Previsel 2025
21 Jan 2025

Expourense acolleu esta mañá a reunión do comité asesor de Previsel, o Salón da Prevención e Seguridade Laboral que celebrará a súa 18ª edición no recinto os días 12 e 13 de marzo e que suporá o arrinque do calendario feiral para este 2025. Esta reunión contou coa participación dunha vintena de expertos en prevención que fixeron as súas achegas para elaborar o completo programa de actividades que Previsel ofrece en cada edición. Todas as entidades representadas no comité e que representan á administración, empresarios, traballadores, mutuas e servizos de emerxencia, participarán activamente nesta edición programando actividades formativas e mobilizando aos seus membros para que asistan ao evento.

Como é habitual, Previsel ofrecerá información especializada en prevención a través do seu programa de actividades que incluirán conferencias e obradoiros prácticos que terán como obxectivo concienciar sobre a necesidade de formación en seguridade e prevención de riscos ou enfermidades profesionais. O programa completo de actividades será publicado na web do evento www.previsel.com nas vindeiras semanas.

Por outro lado, Previsel 2025 contará cun área expositiva na que serán presentados produtos e servizos especializados en prevención, seguridade e saúde laboral. A participación nesta cita supón unha boa oportunidade para os profesionais do sector, pero tamén para emprendedores, traballadores, futuros traballadores, para intercambiar experiencias e actualizarse dos últimos avances nestas materias.

A esta reunión, que estivo dirixida polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, asistiron unha vintena de profesionais pertencentes a toda a cadea de axentes sociais involucrados na prevención. Participaron nesta reunión  representantes das Xefaturas Territoriais da Xunta de Sanidade, de Emprgeo, Comerio e Emigración; de Política Social e Igualdade; do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional; do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA); da Inspección de Traballo da Seguridade Social; do Gabinete de Prevención da Deputación Provincial de Ourense e da Confederación Empresarial de Ourense (CEO).

Os colexios profesionais tamén estiveron moi ben representados coa participación de membros dos Colexios Oficiais de Arquitectos; Arquitectos Técnicos; Enxeñeiros Industriais; Enxeñeiros Técnicos Industriais; Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e tamén da Asociación da Construción de Ourense (ACO).

Como é habitual, Previsel conta tamén coa implicación dos sindicatos con maior presenza en Galicia. Neste encontro participaron os secretarios da CC.OO e da UGT Ourense. Pola súa banda, os servizos de emerxencia estiveron representados por profesionais do Servizo Provincial de Emerxencias de Ourense e Bombeiros de Ourense.

 

Este evento, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través do ISSGA e do Servizo Galego de Emerxencias e tamén da Deputación Provincial de Ourense, consolídase como a única exposición deste tipo en Galicia e que consegue a implicación activa de todos os axentes vinculados á prevención: administración, empresarios, sindicatos, mutuas, profesionais. asociacións ou servizos de emerxencia entre outros.

 

0.17699003219604