Profesionais do SPIF fórmanse no Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao Centro de Loita contra o Lume de Toén para saudar aos participantes no curso de formación “Mellora da eficiencia do SPIF ante o risco extremo por incendios forestais”, dirixido a bombeiros forestais (de brigadas) para que actualicen os seus coñecementos sobre os cambios que se están a producir nos incendios de hoxe en día; “cada vez son máis rápidos, máis intensos e máis difíciles de controlar, polo que xa non abonda só coa experiencia, é necesario adestrarse e actualizarse”.
O delegado territorial salientou que esta iniciativa formativa encádrase dentro dos 12 cursos de formación para o persoal do Servizo de Prevención e defensa contra Incendios Forestais (SPIF) que a Consellería do Medio Rural programou para o segundo trimestre deste ano, nos que está previsto que participen máis de 960 profesionais.
As accións formativas desenvolveranse en 16 edicións, cunha duración total de 450 horas, e faranse tanto en modalidade presencial como telemática. Nelas participarán profesionais das diferentes categorías nas que se estrutura o servizo, desde axentes, bombeiros forestais, vixilantes e condutores de motobomba ata persoal dos medios aéreos, pasando por emisoristas e técnicos dos distritos e dos servizos provinciais, entre outros.
Os cursos programados para este segundo trimestre abranguen formación básica en investigación de lumes, manexo de maquinaria, utilización de datos e imaxes de satélite aplicados á extinción, ferramentas de xestión emocional e autocuidado na emerxencia por incendios forestais, análise dos lumes, operacións avanzadas para xefes de brigada, xestión de medios aéreos desde os centros de coordinación, brigadas helitransportadas, motobombas, mellora da eficiencia do SPIF ante o risco extremo por incendios, apoio na xestión das operacións desde os centros de coordinación e actualización de procedementos para directores técnicos de extinción.
Parte destes cursos realizaranse no Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén (Ourense), unhas instalacións da Xunta especialmente deseñadas para ofrecer este tipo de formación e que xa teñen acollido profesionais de diferentes países europeos, caso de Estonia ou Países Baixos. Así, no CILL impartiranse accións formativas sobre riscos extremos sobre incendios, sobre xestión emocional ou sobre uso de maquinaria lixeira, e tamén os dirixidos a directores técnicos de extinción, para a actualización de procedementos operativos.
Toda estas accións forman parte do Plan de Formación do persoal do SPIF, que á súa vez se integra no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2026), cuxa actualización vén de ser aprobada polo Consello da Xunta. Cómpre destacar, neste sentido, que durante o 2025 leváronse a cabo un total de 25 cursos, que se distribuíron en preto de 250 edicións, coa participación de case 5.900 alumnos.
No caso concreto do curso “Mellora da eficiencia do SPIF ante o risco extremo por incendios forestais”, a formación consta de dúas partes. Por unha banda, unha parte teórica en liña de 12 horas, onde se traballará como se comporta o lume, que factores inflúen en que un incendio se volva perigoso e como actuar en situacións complexas, por exemplo cando o lume se achega a zonas habitadas ou cando coinciden varios factores ao mesmo tempo (vento forte, calor extremo, varios focos…).
Por outra banda, hai unha xornada presencial de 8 horas no CILL, máis práctica. Nese día faise adestramento físico específico de bombeiros, empregando un circuíto preparado para simular o esforzo real do traballo; realízanse simulacros de extinción, nos que se ensaian manobras reais para mellorar a coordinación, a seguridade e a rapidez de resposta; e tamén se imparten charlas específicas sobre o manexo do estrés e o factor emocional, a cargo de persoal propio con formación en psicoloxía e emerxencias, para saber como responder en situacións de alta presión.
Os instrutores son bombeiros forestais do propio servizo, con ampla experiencia, traxectoria e formación, o que ten boa acollida entre o persoal porque coñecen á perfección os medios, materiais e métodos que emprega o servizo.