PSdeG-PSOE de Ourense e Xuventudes Socialistas celebran un acto de homenaxe ás vítimas do exilio na Casa do Pobo

O PSdeG-PSOE de Ourense, a través das súas executivas provincial e local, xunto con Xuventudes Socialistas de Ourense, organiza este venres 8 de maio un acto con motivo do Día de Recoñecemento ás Vítimas do Exilio, unha data recollida na Lei de Memoria Democrática para lembrar ás persoas obrigadas a abandonar o país tras o golpe de Estado de 1936 e a posterior ditadura franquista.
O encontro, aberto a toda a cidadanía interesada en asistir, terá lugar ás 19:30 horas na Casa do Pobo de Ourense e incluirá a proxección do documental “La tragedia del buen doctor: la historia de Juan Negrín”, unha produción de RTVC realizada por R2 Media Films que afonda na figura do médico, humanista e político socialista Juan Negrín López, presidente do Goberno da II República entre maio de 1937 e marzo de 1939, e posteriormente exiliado ata 1945.
Tras a proxección, está prevista a intervención de distintas representantes socialistas: Carmen Rodríguez Dacosta, vicesecretaria xeral provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e deputada no Parlamento de Galicia, Marga Martín, deputada no Congreso, Miguel Gómez, secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense, e Xosé Lois Carrión, secretario provincial de Memoria Democrática do PSdeG-PSOE de Ourense.
As direccións local e provincial do partido destacan que este acto “pretende contribuír á recuperación e dignificación da memoria das vítimas republicano”, lembrando que se trata dun fenómeno que afectou a centos de miles de persoas que, ante o avance das tropas franquistas desde xullo de 1936, víronse obrigadas a abandonar os seus fogares. Engaden ademais que este éxodo supuxo unha perda relevante “humana e intelectual” que tivo consecuencias no ámbito económico, social, científico e cultural do país.
Desde a organización tamén subliñan a importancia de “manter viva a memoria democrática e de reivindicar os valores de liberdade, xustiza e solidariedade que representaron aquelas persoas que tiveron que marchar ao exilio”.