PSOE e BNG piden “responsabilidade” ante o anuncio do alcalde de Ourense de suprimir a ORA

OurenseXa
A medida entraría en vigor en xaneiro de 2025
ORA Ourense
ORA Ourense
27 Nov 2024

Logo do anuncio feito este martes por parte do Goberno Local de avaliar a supresión do Servizo da ORA, desde o Grupo municipal do BNG salientan que “xa perdemos a conta de cantas veces leva anunciado o Alcalde esta medida” e engaden, “a última vez que se abordou esta cuestión, no pasado mes de maio, xa advertimos que estabamos diante dunha idea que non conta con ningunha base documental ou polo menos nós non a coñecemos”.

Quen fala é o Portavoz municipal nacionalista Luís Seara, quen reitera que “no mes de maio, cando tivemos unha Xunta de Portavoces para abordar a posible supresión do Servizo, recriminámoslle ao Alcalde que non aportase ningún informe xurídico nin técnico de como podería afectar á mobilidade da cidade no seu conxunto”.

Luís Seara sinala que “para o BNG, esta é unha cuestión de enorme relevancia xa que a supresión do Servizo da ORA pode provocar un efecto dominó na mobilidade do concello, polo que tomar unha decisión desta natureza descontextualizada das medidas que se contemplan no Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) e sen ter unha alternativa viable, pode ter efectos contrarios aos desexados nunha cidade que move ao redor de 150.000 vehículos”.

Desde a formación nacionalista atópanse dispostos “a avaliar posibles escenarios, incluído o da gratuidade do Servizo, pero entendemos que o debate debe estar inxerido dentro do PMUS, con informes que permitan avaliar as consecuencias da supresión e mesmo pondo enriba da mesa as posibles alternativas”. Por último, o BNG solicita “a creación dunha Comisión politico – técnica para falar da proposta”.

O PSOE esixe conocer informes que avalen a proposta

Pola súa banda, dende o grupo municipal socialista insisten en reclamar ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome máis información sobre o que suporía suprimir o servizo da ORA, tal e como xa fixeron nos anteriores anuncios do alcalde sobre o mesmo asunto. “A día de hoxe, e pese a ser unha intención que xa manifestou en anteriores ocasións, descoñecemos as alternativas de aparcamento que se propoñen nin se existen informes que avalen a eliminación do servizo”, expuxo a voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González.

“Tampouco sabemos o impacto económico que pode ter nas arcas públicas ou as responsabilidades contractuais que a Administración local ten coa empresa ata o de agora concesionaria do servizo”, insistiu logo de que esta mañá se trasladase, a través dunha nota de prensa, a intención do rexedor de eliminar a ORA a partir de xaneiro do ano 2025.

“E o que é máis importante –continou explicando– non sabemos que vai acontecer con eses 13 traballadores e traballadoras que levan anos no servizo e aos que se deberían ter en conta antes de tomar unha decisión firme”.

Nesta liña, afirmou que a supresión da ORA é un debate actual aberto en moitas urbes, pero que resulta imprescindible abordalo dende todas as perspectivas, aportando solucións e de xeito planificado, medindo en todo momento as consecuencias que pode xerar. “Noutras cidades tomouse a decisión atendendo tamén a plans de mobilidade específicos e ofrecendo alternativas. Aquí, non. Aquí se trata dun capricho unilateral do rexedor que non pon sobre a mesa un plan B nin mide as consecuencias que poida ter”, rematou a portavoz dos e das socialistas lembrando que o PMUS leva anos nun caixón.

0.1682550907135