Publicadas as bases do XXXIV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo

OurenseXa
O prazo de presentación rematará o 28 de marzo
Entrega do XXXIII Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo
Entrega do XXXIII Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo
15 Mar 2025

O XXXIV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, na súa edición de 2025, presenta unhas bases renovadas co obxectivo de seguir adaptando o galardón ás consideracións dos profesionais do xornalismo, tal e como recolle o Boletín Oficial da Provincia na publicación destas bases.

Así, o regulamento do certame inclúe un “Premio Honorífico á traxectoria profesional”, con diploma acreditativo en recoñecemento ao labor xornalístico desenvolvido pola persoa gañadora. No fallo serán tidos en conta especialmente os vencellos persoais ou profesionais con Galicia, de modo particular coa provincia de Ourense. As candidaturas poderán ser presentadas polos membros do xurado e por institucións, asociacións ou colectivos de calquera ámbito (económico, social, cultural ou deportivo, etc.).

As candidaturas a presentar corresponderanse con persoas profesionais ou colaboradoras habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos, audiovisuais ou dixitais, en calquera medio galego ou edición galega dun medio estatal. O prazo para presentarse estará aberto ata o 28 de marzo.

A outra categoría é a do “Premio ao mellor traballo xornalístico”, cunha dotación económica de 4.000 euros e diploma acreditativo, á persoa autora ou persoas autoras dun traballo en calquera soporte (papel, radio, televisión, fotografía, dixital) e modalidade (reportaxe, crónica, artigos...), cuxa temática estea relacionada con Galicia e de modo particular coa provincia de Ourense.

Outras das novidades deste ano será o “Accésit ao segundo traballo mellor valorado”, cunha dotación de 1.000 euros e diploma acreditativo, á persoa autora ou persoas autoras dun traballo en calquera soporte (papel, radio, televisión, fotografía, dixital) e modalidade (reportaxe, crónica, artigos...), cuxa temática estea relacionada con Galicia e de modo particular coa provincia de Ourense. Valorarase de xeito positivo a realización e presentación de traballos en lingua galega.

⚙ Configurar cookies
0.034231185913086