Quintela de Leirado acollerá este sábado a estrea de 'A Penagache', un documental sobre a memoria do contrabando na fronteira con Portugal

O Centro Multiusos de Quintela de Leirado acollerá o vindeiro sábado 25 de xullo, ás 19.00 horas, a estrea no municipio da curtametraxe documental A Penagache, un traballo dirixido, producido e escrito por Marcos Seijo como parte do seu Traballo de Fin de Grao en Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, desenvolvido xunto a Noa Pichel.
A presentación chega cando a obra encara a recta final da súa participación no circuíto de festivais, despois de superar as vinte seleccións oficiais e obter diversos recoñecementos en certames de todo o Estado, converténdose nun dos documentais galegos sobre memoria histórica con maior percorrido neste ámbito.
O filme recupera a historia do contrabando na fronteira entre Galicia e Portugal tomando como eixo o monte da Penagache, que comunica a aldea de Xacebáns, en Quintela de Leirado, coa localidade portuguesa de Rodeiro. A través de testemuños en primeira persoa, a produción reconstrúe unha actividade que marcou durante décadas a vida da raia, lembrando as rutas do café e doutras mercadorías, así como a relación existente cos gardas fronteirizos.
Xunto ás entrevistas, o documental incorpora escenas recreadas a partir dos relatos das persoas participantes, unha fórmula coa que combina o formato documental con pasaxes ficcionadas para achegar ao público a realidade que se vivía naquela época.
A sesión contará coa participación do alcalde de Quintela de Leirado, José Antonio Pérez; do responsable do Museo da Emigración de Guinea, Pablo Pérez; do director da curtametraxe, Marcos Seijo; e de Amadeo Rodríguez e David Rodríguez, protagonistas do documental, que compartirán coas persoas asistentes as súas vivencias ligadas ao contrabando na fronteira galego-portuguesa.
Con esta iniciativa preténdese contribuír á conservación da memoria oral dun fenómeno que tivo unha importante repercusión social, económica e cultural nas comunidades da raia, recuperando historias e experiencias que forman parte do patrimonio inmaterial da comarca.
A asistencia á proxección será libre e gratuíta ata completar a capacidade do recinto.