Quintela de Leirado suma unha nova casa do maior

En total, foron seis novas casas postas en marcha na provincia ao abeiro da convocatoria de axudas de 2025 para a creación destes recursos, que contou con máis de 306.000 euros
manuel-pardo-visita-casa-do-maior-quintela-de-leirado
19 Aug 2026

O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse este mércores a Quintela de Leirado, onde visitou, acompañado polo alcalde, José Antonio Pérez, unha das casas do maior postas en marcha ao abeiro da convocatoria de axudas de 2025 para a creación destes recursos.

A Consellería de Política Social e Igualdade destinou máis de 306.000 euros a través desta orde, coa finalidade de reforzar a rede de atención de proximidade e dotar de servizos as zonas rurais da provincia de Ourense. Ademais da casa do maior de Quintela de Leirado, puxéronse en marcha dous recursos en San Amaro e un nos concellos da Mezquita, Maside e Petín.

Durante a visita, Manuel Pardo lembrou que a Xunta mantén aberto ata o 28 de agosto o prazo dunha nova convocatoria de axudas para a creación de dez casas do maior en Galicia. A orde conta cun orzamento superior ao medio millón de euros e pretende ampliar a rede ata os 158 recursos o próximo ano, co obxectivo de alcanzar as 800 prazas gratuítas de atención diúrna na comunidade.

O representante do Goberno galego explicou que cada casa do maior dispón dun máximo de cinco prazas e destacou o papel destes recursos tanto na atención ás persoas maiores como na resposta ao reto demográfico. Segundo sinalou, a súa implantación no rural permite ofrecer servizos de coidado próximos, favorecer a conciliación das familias e xerar postos de traballo.

A nova convocatoria mantén tamén o complemento semanal adicional para os casos nos que as persoas promotoras estean de baixa laboral. Así mesmo, contempla o pagamento de 10 euros por persoa e día para aquelas casas do maior que asuman o desprazamento dos usuarios.

Manuel Pardo destacou finalmente que o Goberno galego impulsou estes recursos coa finalidade de ofrecer atención totalmente gratuíta ás persoas maiores residentes nos concellos máis pequenos, reforzando os coidados de proximidade e creando alternativas que contribúan ao asentamento da poboación no rural.

A provincia de Ourense conta actualmente con 52 casas do maior distribuídas en 38 concellos. A rede está presente na Veiga, Cenlle, Castrelo de Miño, Xunqueira de Espadanedo, Xunqueira de Ambía, Os Blancos, Boborás, Verea, Porqueira, San Amaro, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, A Arnoia, Cortegada, A Peroxa, Monterrei, Larouco, Piñor, Castrelo do Val, O Bolo, Lobios, San Xoán de Río, Punxín, Vilariño de Conso, Baltar, A Teixeira, Maside, Parada de Sil, O Riós, Laza, A Mezquita, Amoeiro, Viana do Bolo, Melón, Entrimo e Petín.

0.14497089385986