Rebulir Cultura Tradicional celebra os seus 20 anos coa gala Beizón no Teatro Principal de Ourense

O Teatro Principal de Ourense será o escenario, o vindeiro 20 de novembro, dunha gala conmemorativa organizada por Rebulir Cultura Tradicional con motivo do seu vixésimo aniversario. O acto, bautizado como ‘Beizón’, comezará ás 21.00 horas.
Segundo explicou a propia entidade, a velada está concibida como un repaso ao camiño percorrido ao longo destas dúas décadas, así como un espazo de encontro para quen formou parte deste proxecto ao longo dos anos. A música, o baile e a cultura popular, eixos centrais da actividade de Rebulir dende os seus inicios, centrarán o desenvolvemento da gala.
Dende a organización quixeron subliñar o carácter especial desta cita, á que definen como unha ocasión “para lembrar o camiño percorrido, reencontrarnos e render homenaxe” a todas as persoas vinculadas á historia da entidade.
Con este acto, Rebulir Cultura Tradicional pon en valor dúas décadas de traballo adicadas á promoción e difusión das tradicións galegas, consolidándose como unha das referencias culturais neste eido na cidade de Ourense.