Rebulir inicia a súa xira de verán con actuacións en diferentes puntos de Galicia, Murcia, A Rioxa e Portugal

A Asociación Cultural Rebulir porá en marcha este xoves, 9 de xullo, a súa xira de verán, unha programación que a levará durante os próximos meses por diferentes escenarios de Galicia, do resto do Estado e de Portugal para difundir a música e o baile tradicional galego.
A primeira parada será en Cartagena, na Rexión de Murcia, onde unha representación da entidade participará no Festival Nacional de Folclore entre os días 9 e 12 de xullo. A presenza de Rebulir neste encontro responde ao proceso de selección realizado pola organización durante o pasado ano entre as agrupacións candidatas, polo que a formación galega formará parte do cartel deste certame de ámbito estatal xunto con outros colectivos folclóricos.
Tras esta cita, a asociación continuará coa súa actividade durante os meses de xullo e agosto con diferentes actuacións na provincia de Ourense. Xa en setembro, a agrupación desprazarase ata Logroño para participar no festival de folclore das Festas de San Mateo. A programación completarase ese mesmo mes con novas actuacións en Portugal e con distintas intervencións en programas de televisión.
A xira chega nun ano especial para Rebulir, que celebra dúas décadas de traxectoria. Ao longo deste tempo, o colectivo consolidouse como unha das formacións destacadas da música e do baile tradicional galego, ao tempo que medrou a súa Escola de Baile e Música Tradicional, que reúne na actualidade a máis de 150 socios e socias de diferentes idades.
A entidade desenvolve a súa actividade desde o concello de Ramirás, unha localidade de arredor de 1.500 habitantes, converténdose nun exemplo de como o rural pode impulsar iniciativas culturais con proxección máis aló do ámbito local.
Ademais da súa actividade artística, Rebulir define o seu traballo como un proxecto de dinamización cultural, social e comunitaria que emprega a tradición para fomentar a participación, fortalecer os vínculos entre xeracións e contribuír á dinamización do territorio, levando a cultura tradicional galega a novos espazos dentro e fóra de Galicia.