Recollidas máis de 500 sinaturas contra o peche da Escola Infantil “A Casiña”

O pasado 27 de febreiro, a escola infantil “A Casiña”, no barrio das Lagoas, anunciaba o seu peche para o vindeiro curso a través dun comunicado enviado tanto ás familias como ás traballadoras do centro, cando xa se asinara as matriculacións para o vindeiro curso.
No comunicado, Cáritas, a entidade encargada da xestión deste centro, alegaba que a razón do peche da escola infantil, a única no barrio, debíase a motivos económicos, xa que, segundo xustifican, levaban varios anos con perdas económicas. Sen embargo, as familias cuestionan os motivos alegados pola institución, debido a que o centro está subvencionado pola Xunta de Galicia. Por iso, esixen ao Goberno galego que tome parte para evitar o peche da escola.
A día de hoxe, os pais e nais do centro teñen recollidas xa máis de 500 sinaturas que piden que non se peche o centro, e actualmente plantéxanse convocar unha concentración na porta da Escola para a denunciar a situación na que a decisión Cáritas deixa aos nenos e nenas do barrio. Unha denuncia á que se sumou tamén o BNG que, a través do seu voceiro no Concello de Ourense, Luís Seara, advertiu da gravidade da situación durante o pleno deste venres, advertindo que o grupo pedirá explicacións á Xunta ante este feito.
“As Lagoas perde o seu pilar na educación dos nosos fillos”, denuncian os familiares. A escola infantil abriu as súas portas en 1977 e, dende entón, foi a única opción para os nenos e nenas deste barrio ourensán que, agora, terán que desprazarse a outros barrios para poder asistir á escola infantil, dificultando a conciliación familiar.
“Os nosos pequenos atópanse sen alternativa no barrio e co prazo de matrícula xa pechado en moitas escolas infantís da cidade. expresan as familias afectadas.“As nais e pais vémonos obrigados a buscar outra escola a contra reloxo para o vindeiro curso. As traballadoras, obviamente, á rúa”. Por iso, piden a Cáritas que propoña unha alternativa ao peche.