Renfe e o Inorde asinan un acordo para fomentar o turismo na provincia

OurenseXa
Ambas entidades colaborarán na promoción de Ourense como destino turístico e de negocios
convenio-inorde-renfe
Rosendo Fernández e Javier Pérez López
26 Jan 2025

A Deputación de Ourense, a través do Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico (Inorde) e Renfe, veñen de subscribir un acordo de colaboración para fomentar de forma conxunta o turismo na provincia de Ourense e os desprazamentos en tren como medio de transporte seguro e sostible. Esta alianza foi asinada en Fitur por parte do presidente do Inorde e deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; e polo director da Área de Negocio de Alta Velocidade e Outros Servizos Comerciais de Renfe, Javier Pérez López.

Con este acordo, ambas entidades colaboran na promoción de Ourense como destino turístico e de negocios. A compañía Renfe ofrecerá un 10% de desconto sobre a tarifa no momento da compra aos asistentes e expositores das actividades que se leven a cabo para promocionar o turismo de congresos, convencións e aqueles outros eventos que celebre ou organice a Deputación a través do Inorde. Renfe tamén ofrecerá o mesmo desconto sobre o prezo de referencia a todo viaxeiro que contrate escapadas temáticas ou de turismo MICE (Meetings, Incentivos, Convencións, Eventos e Congresos) a través das empresas designadas polo Consorcio.

Por último, este acordo tamén facilitará a realización de viaxes en grupo en tren, así como a posibilidade de promover paquetes vacacionais que inclúan os trens de Longa Distancia de Renfe e outros servizos de aloxamento, ocio e cultura.

 

 

0.163654088974