Rematadas obras de humanización en Moreiras cun investimento superior aos 400.000 euros

OurenseXa
A actuación executada ao abeiro do Plan Hurbe incorpora novas zonas de lecer, equipamentos deportivos, melloras de accesibilidade e espazos de convivencia no núcleo de Toén
remate-obras-moreiras
2 Jul 2026

A Xunta de Galicia deu por rematadas as obras de humanización e mellora da accesibilidade no núcleo de Moreiras, no concello ourensán de Toén, unha actuación que acadou un investimento total superior aos 400.000 euros. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, acompañada pola directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, visitou este xoves os traballos xa finalizados.

A intervención desenvolveuse no marco do Plan Hurbe e, segundo destacou a conselleira, permite completar actuacións anteriores realizadas neste mesmo núcleo coa colaboración da administración autonómica.

Nesta segunda fase executouse o acondicionamento dunha parcela na que se crearon novos espazos destinados ao uso veciñal. Entre os elementos incorporados figuran unha área infantil, unha zona con pérgolas equipada con mobiliario para sentarse e xogar ás cartas, elementos biosaudables, unha pista multideportiva e un auditorio ao aire libre con bancos prefabricados e escenario.

As actuacións completáronse ademais coa instalación dunha nova iluminación, unha rede de recollida de augas pluviais e novo mobiliario urbano integrado na contorna, apostando polo emprego de materiais naturais como a madeira.

Durante a visita, María M. Allegue puxo en valor o resultado da intervención e sinalou que este tipo de proxectos responden ao obxectivo de impulsar "un urbanismo responsable, por e para a veciñanza, para o desfrute de todos".

A titular de Vivenda destacou tamén que o novo espazo de Moreiras pasa a converterse nun lugar pensado para a convivencia e a socialización, orientado tanto á poboación máis nova como ás persoas maiores. Neste sentido, subliñou a aposta do Concello de Toén por actuacións que considerou necesarias para o desenvolvemento da localidade e para avanzar "nesa Galicia calidade na que temos que entre todos seguir traballando".

Do investimento total destinado á obra, a Xunta asumiu o 70% do financiamento e encargouse da licitación e execución dos traballos, mentres que o Concello de Toén achegou o 30% restante.

0.13255882263184