Rematados os traballos de mellora nas beirarrúas de San Benito, en Allariz
O Concello de Allariz vén de anunciar o fin dos traballos de mellora das beirarrúas da urbanización San Benito. Os traballos realizados pretenden mellorar a accesibilidade e a seguridade do espazo urbano e buscan humanizar o entorno, mellorar o tránsito peonil e ordenar a circulación dos vehículos, co fin de solucionar os problemas de estacionamento e facilitar o acceso ás vivendas
As beirarrúas, explican desde o Concello, atopábanse en mal estado e tiñan un tamaño reducido. Con esta actuación, foron ampliadas e reformadas para garantir un espazo máis amplo e cómodo para os peóns.
“O Concello de Allariz dá un paso máis na mellora do seu espazo urbano, apostando por un entorno máis accesible, ordenado e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza”, explican.
A esta acción súmase o embelecemento da zona cun mural de Yoseba Muruzábal vinculado ao patrimonio cultural inmaterial, acometendo de forma integral unha mellora deste espazo alaricano.
O financiamento desta primeira acción realizouse con cargo ao plan de cooperación da Deputación de Ourense (CooperOU) e con fondos propios do Concello de Allariz no caso do mural.