Rematan as obras da nova rotonda na estrada OU-540 en Barbadás

OurenseXa
A actuación supón unha importante mellora na seguridade viaria na contorna, reducindo o risco de colisión e mellorando a fluidez do tráfico
obras_rotonda_barbadas
Remate das obras da nova rotonda da OU-540 en Barbadás
3 abr 2024

A Xunta rematou a execución da rotonda na intersección da estrada autonómica OU-540 coa autovía A-52, no concello de Barbadás, tras un investimento de 485.000 euros.

 O director da Axencia galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisou esta mañá o resultado dos traballos de transformación en glorieta da intersección en “T” existente ña Valenzá,  no quilómetro 4+200 da vía da Xunta, no cruzamento co ramal de acceso á autovía das Rías Baixas.

A nova glorieta da Valenzá permite acadar unha mellora importante na seguridade viaria nesa contorna, xa que se reduce o risco de colisión nos movementos de cambio de dirección e nas incorporacións a outras vías, ao tempo que se mellora a capacidade da propia intersección, facilitando a fluidez do tráfico.

 A glorieta executada ten dous carrís de 4 metros de ancho cada un e dispón dunha beiravía exterior de 1,5 metros, unha beiravía interior de 1 metro e un gorxal rebasable de formigón coloreado de 1 metro de ancho. O seu firme está composto por unha capa de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente sobre unha capa de espesor variable.

O anel interior da glorieta deseñouse cunha coroa de formigón coloreado de 1 metro de ancho e unha illa central axardinada onde se disporán 27 follas de árbore en formigón, que se colocarán nos vindeiros días.

Tal e como explicou o director da Axencia Galega de INFRAESTRUTURAS, coa intervención renovouse tamén a sinalización horizontal entre os puntos quilométricos 2+995 e 4+750, e a sinalización vertical na contorna da glorieta. Ademais, colocáronse captafaros horizontais, fitos de vértice e balizas nese treito.

A intervención incluíu, tamén, a transformación de varios tramos de gabias profundas en gabias de seguridade, o que permitiu retirar do sistema de contención existente neses treitos.

No referente ás barreiras metálicas de seguridade, repuxéronse 224 metros dos 387 metros retirados e elimináronse 163 metros ao substituír a anterior gabia en V por gabia de seguridade.

Os traballos acometidos incluíron a reposición do camiño de servizo da marxe dereita da estrada onde houbo que ampliar a plataforma para a construción da glorieta.