Rematadas as obras na Praza das Mercedes

OurenseXa
A obra, que contou cun orzamento de licitación de 2.087.855 euros, intégrase no plan Ourense Vertical
rampla-perez-serantes-as-mercedes-ourense
Nova rampla na rúa Pérez Serantes
9 May 2025

Esta mañá, o alcalde d Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, membros da corporación e veciños da zona inauguraron o “Proxecto de Humanización e Mobilidade Vertical na contorna da Praza das Mercedes e da rúa Arturo Pérez Serantes”, “un paso significativo na transformación do centro urbano da cidade”, segundo explica o Concello.

O ámbito de actuación deste proxecto sitúase na rúa Arturo Pérez Serantes, unha arteria central de Ourense, e abrangue desde a Praza das Mercedes polo sur ata a rúa San Francisco polo norte. Anteriormente, este espazo estaba principalmente destinado ao estacionamento de vehículos, relegando a un segundo plano a zona urbanizada con árbores e mobiliario urbano pensada para os peóns.

A obra, que contou cun orzamento de licitación de 2.087.855 euros, intégrase no plan Ourense Vertical, e súmase ás actuacións xa en funcionamento na rúa da Concordia, A Milagrosa, A Carballeira, Avilés de Taramancos e Rosalía de Castro.

Coa posta en servizo desta actuación, dáse continuidade ao itinerario mecanizado que, desde Avilés de Taramancos, á beira do Barbaña, continúa pola rúa da Concordia e, coa obra hoxe inaugurada, sitúanos na parte alta da cidade, aos pés do auditorio municipal.

A principal finalidade desta intervención é a reforma integral do espazo urbano para lograr unha nova distribución do tráfico e da circulación na zona. O obxectivo é limitar o tránsito de vehículos e priorizar as persoas, mellorando a accesibilidade mediante a instalación de elementos de mobilidade vertical enmarcados dentro do PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible). En conxunto, búscase a humanización da contorna e a recuperación deste espazo urbano para o desfrute da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.14364290237427