Renfe modifica os horarios de varios trens entre A Coruña e Ourense e A Coruña e Vigo

OurenseXa
A compañía axustará a partir do 2 de febreiro as frecuencias no Eixo Atlántico para adaptalas á demanda
renfe_Ourense
14 Jan 2025

Renfe modificará a partir do 2 de febreiro a frecuencia dos trens de servizos públicos que operan en Galicia. A partir desa data, adaptará os horarios de saída e chegada a destino, e paso polas estacións intermedias, de dous trens de Media Distancia Vigo-A Coruña e dun Avant A Coruña-Ourense, co obxectivo de mellorar o servizo que se presta aos viaxeiros.

No Eixo Atlántico, o tren 9072 que realiza o traxecto Vigo Urzaiz-A Coruña efectúa a súa saída dende o pasado 8 de abril ás 6.15 horas tras a reorganización provisional do servizo que se levou a cabo con motivo das obras de Madrid Chamartín. Unha vez revertida a situación da estación madrileña, Renfe ofrecerá esta frecuencia nun horario que se adapta mellor aos clientes e sairá de novo da cidade olívica ás 6.34 horas, é dicir, no seu horario habitual antes do 8 de abril.

Pola súa banda, o tren 9143 A Coruña-Vigo Urzaiz, con saída a día de hoxe ás 13.58 horas, modificará lixeiramente o seu horario e partirá de A Coruña ás 14.00 horas para mellorar as condicións de circulación ao non solaparse coa marcha do AVE Madrid-Vigo.

Tamén se producirá unha modificación no servizo Avant. O tren 9201, que realiza o traxecto entre A Coruña e Ourense ás 19.42 horas, pasará a efectuar a súa saída desde a cidade herculina ás 21.00 horas. Este cambio mellora a oferta de última hora do día, para que os clientes poidan regresar no último Avant do día nun horario que amplía as posibilidades de viaxe a horas máis tardías.

0.13993215560913