Rexistran no Pazo do Hórreo unha iniciativa popular para esixir a construción dun centro de saúde no Vinteún
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto á deputada Noa Presas, o deputado Iago Tabarés, e representantes do grupo municipal nacionalista -entre eles o portavoz, Luís Seara- acompañaron este martes aos representantes veciñais que rexistraron no Parlamento unha proposición non de lei de iniciativa popular para reclamar a construción dun centro de saúde no barrio do Vinteún e a mellora de servizos no centro de atención primaria de A Ponte.
A iniciativa, que o BNG asume e vai defender no Parlamento, chegou ao pazo do Hórreo co apoio de arredor de tres mil sinaturas que reclaman o Goberno do PP na Xunta que cumpra cunha “demanda histórica” da veciñanza da marxe norte do río Miño en Ourense.
Máis en concreto, na proposición non de lei popular reclámase o impulso das accións necesarias e comprometer nos Orzamentos de 2025 unha partida específica para facer realidade a construción do prometido centro do Vinteún. Pídese, así mesmo, reforzar o persoal do centro de saúde da Ponte, especialmente no ámbito da pediatría, de forma que se garanta a cobertura das catro prazas e de servizos como os de analíticas, para reducir os tempos de espera. No centro da Ponte solicítase igualmente mellorar a accesibilidade e garantir a mellora da insonorización.
Na proposta rexistrada lémbrase que xa pasaron quince anos dende que o PP prometese crear o centro no barrio do Vinteún e mellorar con máis servizos o da Ponte, o único na beira norte do río, que atende a máis de 30.000 veciños, e que agora urxe tamén remodelar.
“Non só non se puxeron solucións ás demandas da veciñanza desde hai máis de 15 anos, senón que converteron o da Ponte nun centro de saúde pantasma” no que cada día hai menos servizos e aumentan as listas de agarda para atención primaria e especialidades, apúntase na iniciativa, que advirte ademais sobre os problemas de accesibilidade para a xente maior usuaria.
Os veciños que apoian a iniciativa popular, apoiada tamén polo BNG, aseguran na exposición de motivos que a situación da atención primaria nos barrios, tanto na marxe norte do río como na Cuña, é resultado de “políticas pensadas para desmantelar os nosos servizos”. Advirten, ao respecto, que sofren unha atención primaria que “non cumpre os servizos mínimos necesarios” e está “completamente saturada”.
Unha atención sanitaria ineficiente e apurada que, lonxe de ser responsabilidade das profesionais sanitarias, responde a lóxicas de privatizacións”, agregan, aludindo ao “caldo de cultivo para que as e os usuarios da sanidade pública teñan que acabar trasladando as súas consultas á privada”.
“Despois de moito tempo de protestas, ante o aumento da espera para as citas e a perda de pediatras, as e os veciños da Ponte reclamamos que o barrio máis poboado da terceira cidade de Galiza debe ter uns servizos sanitarios adecuados e por iso lanzamos esta iniciativa”, conclúe a veciñanza.