Ribadavia abre o prazo para inscribirse no servizo de conciliación de mañá e tarde do curso 2026/2027

OurenseXa
O Concello de Ribadavia habilita do 25 ao 31 de agosto o prazo para solicitar o servizo de conciliación de mañá e tarde de cara ao vindeiro curso escolar, con horarios de 7.30 horas a 9.00 horas e de 15.00 horas a 16.30 horas.
conciliacion_ribadavia_2026
23 Aug 2026

O Concello de Ribadavia abriu o prazo de inscrición para o servizo de conciliación de mañá e tarde correspondente ao curso escolar 2026/2027. As familias interesadas poderán presentar as súas solicitudes entre o 25 e o 31 de agosto.

Este programa ten como obxectivo facilitar a organización das familias do municipio, ofrecendo dúas franxas horarias: a conciliación de mañá, de 7.30 horas a 9.00 horas, e a de tarde, de 15.00 a 16.30 horas.

En canto ás tarifas, o servizo contempla prezos distintos segundo a situación de cada unidade familiar. Para a conciliación de mañá, as persoas empadroadas pagarán 30 euros ao mes (20 euros por medio mes), mentres que quen poida acollerse a prezo reducido —familias numerosas, monoparentais ou cun segundo irmán ou irmá— aboarán 20 euros ao mes (15 euros por medio mes). As persoas non empadroadas pagarán 65 euros mensuais, ou 35 euros por medio mes.

Para a conciliación de tarde, a cota para empadroados será de 20 euros ao mes (15 euros por medio mes), de 15 euros ao mes para quen teña dereito a prezo reducido (10 euros por medio mes), e de 50 euros mensuais para os non empadroados (30 euros por medio mes).

O Concello precisa que se considerará medio mes cando a asistencia ao servizo sexa igual ou inferior a dez días. Ademais, as unidades familiares que xustifiquen ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) terán dereito a unha redución do 25 % sobre estas tarifas.

Para máis información ou para tramitar a solicitude, as familias poden dirixirse ao correo electrónico servizossociais@ribadavia.es ou chamar ao teléfono 988 472 403.

O programa está cofinanciado polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade do Goberno de España, e conta tamén coa colaboración da Xunta de Galicia.

0.13491892814636