Ribadavia acolle unha mostra de retratos de persoas e animais feitos a tinta e puntillismo

O concello de Ribadavia acolle desde o pasado sábado, na Igrexa da Madalena, unha mostra dedicada ao retrato de persoas e animais elaborados a tinta a través da técnica do puntillismo. A exposición, baixo o título 'Retratos y mascotas', está asinada polo artista Roberto Muradás Núñez e permanecerá aberta ata o próximo 27 de setembro.
Muradás volveu á súa faceta artística pasados os 50 anos, despois dunha etapa previa de formación na Escola Obradoiro Auria, onde se iniciou en ámbitos como o deseño, a maquetación, a imaxe corporativa e a escultura. Foi un cambio na súa percepción das cores o que o levou a centrar o seu traballo na tinta e a facer do puntillismo o seu principal xeito de expresión artística.
A mostra pode visitarse de mércores a sábado, en horario de 11.30 a 13.30 horas e de 18.30 a 20.30 horas, mentres que os domingos o horario queda reducido á franxa de 11.30 a 13.30 horas.