Ribadavia acolleu unha formación sobre o tecido artesanal con gancho dentro do proxecto Vilas Vivas

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, achegouse esta mañá en Ribadavia ata a Casa da Artesanía de Galicia, onde se están a desenvolver tres obradoiros de iniciación ao tecido artesanal con gancho impartidos pola artesá Lola García, do obradoiro Logaro. Esta actividade forma parte da programación de divulgación e de promoción da Artesanía de Galicia nesta vila ourensá, no marco do proxecto Vilas Vivas.
Os dous obradoiros programados para hoxe están centrados na elaboración de flores con mohair, unha fibra natural que permite crear pezas de aspecto orgánico e con volume. Mañá, domingo 18 de outubro, a docente impartirá, de 11,00 a 15,00 h., o obradoiro Bolas de Nadal ao gancho, no que as persoas participantes poderán confeccionar á man adornos orixinais e sustentables.
Casa Artesanía de Galicia
O proxecto Vilas Vivas busca revitalizar comercialmente a zona transformando espazos en desuso en negocios viables e xeradores de emprego. Entre os locais acondicionados en Ribadavia figura a Casa da Artesanía de Galicia, un espazo dedicado á comercialización, promoción e divulgación dos produtos e dos oficios artesanais galegos. Desde o Nadal pasado, este establecemento acolle obradoiros abertos ao público e cursos de formación para contribuír á dinamización económica e comercial da vila.
Ademais, na planta baixa do edificio funciona desde o pasado mes de marzo un espazo de venda directa de produtos amparados pola marca Artesanía de Galicia. A tenda ofrece pezas de cerámica, xoiería e bixutería, xoguetes, produtos téxtiles e de coiro, complementos de moda e figuras tradicionais elaboradas con miga de pan.
O establecemento abre de xoves a sábado, de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 h., e os domingos, de 11,00 a 15,00 h. No segundo andar atópase o obradoiro do artesán Xosé Catoira, lutier especializado na construción de violíns e violonchelos.