Ribadavia premia o mellor podcast sobre a memoria oral do Ribeiro

Ribadavia acolleu este 30 de setembro a entrega do I Premio de Podcast sobre a memoria oral do Ribeiro, un galardón nado da colaboración entre a Secretaría Xeral da Lingua e o Museo Etnolóxico de Ribadavia. A gañadora desta primeira edición foi Sofía Míguez, alumna de secundaria do instituto O Ribeiro.
O certame, impulsado pola Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico de Ribadavia, busca poñer en valor as lendas, tradicións, costumes e historias populares transmitidas de xeración en xeración na comarca, a través de contidos en formato podcast. Aínda que o concurso estaba pensado principalmente para estudantado de ensino básico e medio, tamén quedou aberto á participación de calquera persoa interesada, xa fose de forma individual ou en equipo.
Durante o acto de entrega, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou o papel do Museo Etnolóxico de Ribadavia á hora de contribuír a recuperar e preservar o patrimonio inmaterial da comarca do Ribeiro. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor ademais a implicación das novas xeracións con este patrimonio, sinalando que estas entenden as tradicións como un compromiso co legado dos seus devanceiros e como un tesouro vivo que debe conservarse de cara ao futuro.
Nese sentido, destacou como exemplo desta actitude ao alumnado do instituto O Ribeiro, que non só achegou o traballo gañador, senón tamén outras propostas que, ao seu ver, reflicten o aprecio da mocidade polas súas tradicións, costumes e lendas, así como o seu interese por mantelas vivas tanto no presente como no futuro.
Lorenzo tamén fixo referencia á programación que desenvolve o Museo Etnolóxico de Ribadavia, centrada en achegarse á veciñanza e en fomentar a súa participación, tanto na creación como na recepción de propostas culturais. Enmarcou esta liña de traballo dentro da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que ten como obxectivo que a programación e a acción cultural cheguen a toda a cidadanía, con independencia do territorio no que resida.