Roberto González: "Gustaríanos levar o nome do Atlético Pereiro Futsal Feminino por toda a comunidade galega"

OurenseXa
Roberto González, presidente e primeiro adestrador do Atlético Pereiro de Aguiar Futsal Feminino, explica que "se algo define a este proxecto é ilusión"
Atlético Pereiro de Aguiar Futsal Feminino
Atlético Pereiro de Aguiar Futsal Feminino
10 Nov 2024

O pasado mes de agosto, o Concello de Pereiro de Aguiar presentaba o seu novo equipo de fútbol sala, o Atlético Pereiro de Aguiar Futsal Feminino. Roberto González, presidente e primeiro adestrador deste equipo, cóntanos como están a ser estes comezos.

Cando xorde a idea de crear o Atlético Pereiro de Aguiar Futsal Feminino?

Era algo que tiñamos na cabeza desde hai tempo tanto eu como o meu compañeiro Juan Pablo Morán, “Juanpi”. Non hai unha data exacta, cando se deu o momento oportuno, decidimos poñer en marcha este proxecto con moita ilusión.

Que obxectivos vos marcades?

Agora mesmo estamos na cuarta categoría do fútbol sala feminino a nivel nacional. O noso principal obxectivo agora mesmo é asentar o proxecto e, despois, aos poucos, ir subindo. Gustaríanos levar o nome do Atlético Pereiro por toda a comunidade galega en liga preferente.

É un proxecto moi ilusionante, sempre o digo. Se algo define a este proxecto é iso, ilusión. Hai ilusión por parte de todos os membros, desde o corpo técnico ata as xogadoras. Ademais, tamén por parte do Concello de Pereiro de Aguiar.

Como están a ser estes comezos?

 Ben, agora imos afrontar a quinta xornada de competición. É certo que non tivemos un inicio de tempada fácil. Xogamos cos tres primeiros que van primeiros na clasificación. Perdemos dous partidos por 0-1 contra Envialia e contra Academia. En Coles gañamos 0-5 e no último partido que xogamos na Rúa acabamos perdendo 6 a 0. Pero estamos nunha traxectoria de traballo boa, nunha boa dinámica de traballo e eu creo que o equipo vai estar nunha zona nobre da competición. Non somos os favoritos, ao final somos un equipo de recente creación, aínda que si temos xogadoras con bastante experiencia no campo. Creo que podemos chegar á zona alta da clasificación. Pero bo, o noso obxectivo principal agora mesmo é asentarnos.

Contades con algún apoio?

Si, desde o principio. O alcalde de Pereiro de Aguiar, que tamén é presidente da Deputación, está tamén moi ilusionado co proxecto e tanto el como o Concello implicáronse desde o primeiro momento. Estamos moi contentos, sentimos moi atendidos e apoiados pola súa banda.

Notades algunha diferenza de trato entre o fútbol sala feminino e o masculino?

O fútbol sala en si, por moito que ao meu guste, nunca vai estar a nivel do fútbol. Aí está a diferenza máis grande. Os que nos dedicamos a isto facémolo polo amor ao deporte, non por diñeiro. En categorías máis profesionais xa é outra cousa, aínda que unha primeira división de fútbol sala nunca vai xerar o que xera o fútbol. Pero nestas categorías máis pequenas o que nos move é o deporte, porque á fronte destes equipos hai xente, non empresas.

É un deporte dinámico, bonito de ver. Pero cada un consome o que quere, está claro. En Galicia é certo que temos un bo tirón, tanto os equipos femininos como os masculinos. Galicia é unha potencia de fútbol sala a nivel nacional. Na liga, de 16 equipos que hai, cinco ou seis son galegos.

0.18252301216125