Rueda anuncia un investimento de 14 millóns para centros de maiores da provincia de Ourense
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a colaboración entre o Goberno galego e a Deputación de Ourense para destinar máis de 14 millóns de euros (12 millóns a Administración autonómica e 2,3 a provincial) á construción, reforma e ampliación de centros de atención a maiores na provincia. En palabras do presidente, “temos unha poboación que demanda este tipo de servizos” e “a aportación da Deputación foi decisiva”.
Estas actuacións enmárcanse dentro do Plan de investimentos para equipamentos sociais de titularidade municipal dirixidos a persoas maiores, que permitirá crear 650 prazas públicas en toda Galicia, das cales 375, máis da metade, corresponden á provincia ourensá.
Tal e como explicou Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez, o plan forma parte dun acordo de colaboración iniciado hai dous anos coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), co obxectivo de mellorar a atención aos maiores nas áreas máis pequenas e rurais de Galicia. Así, a Xunta puxo a disposición dos concellos un total de 18,5 millóns de euros procedentes de fondos europeos para a ampliación de centros existentes ou a construción de novas infraestruturas.
A provincia de Ourense, grazas á colaboración activa da Deputación no financiamento dos centros, será a máis beneficiada deste plan, sendo seleccionadas 16 propostas de concellos menores de 20.000 habitantes –Avión, A Bola, Carballeda de Avia, Chandrexa de Queixa, A Gudiña, Laza, Manzaneda, Os Blancos, A Peroxa, Piñor, Ramirás, Trasmiras, Teixeira, Verea, Vilamarín e Xunqueira De Ambía–.
Máis prazas públicas
Dende o ano 2009, a Xunta triplicou a oferta de prazas públicas para maiores, pasando de 5.500 a máis de 15.000 dispoñibles. Este novo plan de investimentos enmárcase dentro do compromiso do Goberno galego de crear 1.000 novas prazas públicas de residencia e de atención diúrna para maiores e persoas con discapacidade nos primeiros 100 días de mandato.
Neste sentido, Rueda resaltou que “estámolo cumprindo” e que é un motivo de alegría que “unha parte importante dese cumprimento sexa en colaboración coa Deputación e cos concellos de Ourense”. O traballo conxunto nesta liña ten o obxectivo de garantir que a xente en Galicia “teña unha boa calidade de vida” independentemente do seu lugar de residencia.