Rueda pon en valor a cooperación entre Galicia e Portugal no I Congreso do programa Iacobus

OurenseXa
O presidente da Xunta de Galicia presidiu esta mañá a inauguración do I Congreso do programa Iacobus celebrado no campus de Ourense
Alfonso Rueda durante a inauguración do I Congreso do Programa Iacobus
Alfonso Rueda durante a inauguración do I Congreso do Programa Iacobus
18 sep 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe o papel clave que xoga a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, especialmente no ámbito da investigación e o coñecemento, como unha demostración clara da irmandade entre ambos territorios e unha garantía para que os lazos entre ambos territorios sexan permanentes e produtivos: "Sendo estruturas políticas diferentes, agradezo o seu esforzo por tomar políticas valentes. A cooperación serve, a cooperación funciona", remarcou.

Así o apuntou na inauguración do I Congreso do programa Iacobus, celebrado no marco do 10º aniversario da posta en marcha desta iniciativa, ao mesmo tempo que definiu a Eurorrexión como un dos espazos máis dinámicos de cooperación dentro da Unión Europea. Rueda fixo fincapé na importancia de proxectos como o Iacobus, que fomenta a colaboración entre universidades e centros de investigación de ambos lados da fronteira: “O noso obxectivo era que esta cooperación puidésese trasladar a algo concreto, algo que a xente percibise, e atopámolo poñendo o foco aquí, na cooperación entre universidades”, destacou o presidente.

Neste sentido, subliñou que o programa é un exemplo de como a colaboración entre territorios pode transformar as fronteiras en puntos de encontro. Ademais, destacou que a inclusión de novos centros tecnolóxicos no programa –na xornada de hoxe pasarán tamén a beneficiarse do programa o Centro Tecnolóxico Clúster de Acuicultura (Ribeira) e o Centro de Interface Tecnolóxico e Industrial (Arcos de Valdez)– non só reforza o proxecto, senón que expande as súas oportunidades de impacto en sectores clave como a economía, a cultura e o emprendemento: “Un proxecto que empezou modestamente e que agora está dando moitos froitos e da posibilidades para acceder a outras financiacións europeas”, salientou.

Unha década de intercambio

O programa Iacobus, promovido pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, facilita estadías de investigación e mobilidade de profesionais entre as universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos e fundacións biomédicas de Galicia e o Norte de Portugal.

A iniciativa, na que participan 39 entidades, vai dirixida a persoal investigador pre e posdoutoral, docente (PDI), e de administración e servizos (PAS) das universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos. Nesta década en activo, o programa destinou máis de 2 M€ a financiar estadías de investigación, patentes e artigos publicados en revistas científicas.

0.14485192298889