Rueda pon en valor a moda galega con motivo da exposición '40 anos de #EstiloVerino'

OurenseXa
O presidente salientou que “o sector téxtil é moi importante para Galicia” e puxo en valor excelente traxectoria do deseñador Roberto Verino
jacome-verino-rueda
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o deseñador ourensán, Roberto Verino, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda
Redacción Ourensexa
25 abr 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel da moda galega coma embaixadora do selo Galicia Calidade por todo o mundo e coma un dos principais motores da economía da comunidade.

Durante a súa intervención nun xantar con motivo da exposición 40 anos de #EstiloVerino na que se fai un percorrido polas catro décadas profesionais do deseñador Roberto Verino, o presidente salientou que “o sector téxtil é moi importante para Galicia” e que “os empresarios feitos a si mesmos falan moi ben do que somos”.

O sector téxtil, de confección e moda é o que rexistra un maior volume de ingresos en Galicia -unha cuarta parte do total das empresas- e fai que a comunidade galega sexa líder nacional na exportación de roupa a outros países. Rueda felicitou a labor do deseñador e salientou a súa traxectoria “dende Verín para o mundo”, pero xerando riqueza e patria aquí, na nosa terra.

Sobre Verino, o presidente asegurou que se trata dun dos grandes expoñentes da moda galega e salientou o seu carácter pioneiro e innovador que lle levou a ser o primeiro modisto español en abrir unha tenda en París, no ano 1983, ou ser dos deseñadores que desfilaron nas primeiras edicións da antiga pasarela Cibeles de Madrid.

Ademais destacou que o ‘estilo Verino’ se asemella moito ao ‘estilo Galicia’ no que se aposta pola coherencia e compromiso; por innovar sen renunciar ás raíces e por seguir medrando, pero xerando riqueza na contorna.