San Cibrao das Viñas celebrou as Letras Galegas con actividades para todos os públicos

A veciñanza gozou de música, máxia e contacontos para os máis pequenos
contacontos-san-cibrao-letras
18 May 2026

O Concello de San Cibrao das Viñas celebrou este ano o Día das Letras Galegas cunha programación pensada para todas as idades, nunha xornada na que a cultura galega foi a gran protagonista.

A Praza do Concello converteuse no epicentro das actividades, reunindo a numerosas familias arredor de propostas musicais, espectáculos e encontros literarios. Un dos momentos máis destacados da tarde foi a actuación de Pablo Estévez, que sorprendeu ao público cun espectáculo cheo de humor, ilusión e participación familiar.

A música tamén tivo un papel protagonista da man de Emilio Rúa e Rosa Cedrón, encargados de poñer a banda sonora á celebración cun concerto que animou a veciñanza durante toda a tarde.

A programación completouse cunha degustación de petiscos para as persoas asistentes, nun ambiente festivo marcado pola convivencia e a reivindicación da cultura e da lingua galega.

As actividades das Letras Galegas chegaron tamén á escola infantil municipal, onde os nenos e nenas recibiron a visita da escritora Rita Doallo. A autora compartiu cos máis pequenos os seus contos “Que enleada coa piada” e “Vaya lío pío pío”, achegando a literatura infantil galega ao alumnado a través da narración e da lectura.

0.12156891822815