San Cibrao das Viñas pecha unha nova edición do Campamento Galideporte cunha festa de clausura

O Concello de San Cibrao das Viñas puxo o pasado venres o punto final a unha nova edición do Campamento Galideporte cunha festa de clausura na que os nenos e nenas participantes desfrutaron dunha xornada especial para despedir a actividade.
Durante a mañá celebráronse distintas actividades coas que se pechou esta edición do campamento e, ademais, todos os participantes recibiron un recordo conmemorativo.
A alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa, participou na xornada de clausura acompañando aos rapaces e rapazas. Despois de visitar o campamento ao longo do seu desenvolvemento, a rexedora quixo estar tamén presente no último día para compartir con eles o remate desta edición.
Desde o Concello tamén trasladaron o seu agradecemento ao equipo de monitores e monitoras polo traballo e a dedicación amosados durante o campamento, así como ás familias pola confianza depositada un ano máis nesta iniciativa e pola súa participación no acto de clausura.