San Cristovo de Cea acolle un taller escolar sobre a elaboración artesanal dos sanandresiños

O CPI Virxe da Saleta, en San Cristovo de Cea, foi onte escenario dunha actividade didáctica centrada nun dos oficios artesanais máis singulares de Galicia: a elaboración dos sanandresiños. Trátase de pequenas figuras moldeadas en miga de pan, vinculadas tradicionalmente á romaría de Santo André de Teixido, no concello de Cedeira.
O encargado de realizar a demostración foi o artesán Jorge Bellón, natural de Cedeira, quen se dedica a reproducir estes amuletos seguindo o método tradicional: unha masa elaborada con fariña que, unha vez moldeada, se pinta á man. Cada unha das figuras ten un significado propio, vinculado a distintos aspectos da vida cotiá. Así, a flor representa o amor; a barca, as travesías ou viaxes; a figura do santo, a saúde e a amizade; a sardiña, o sustento; a man, os estudos; a escaleira, o traballo; a coroa, a protección, e a pomba, a paz.
A actividade desenvolvida no centro escolar ourensán serviu como complemento práctico a unha unidade didáctica na que o alumnado viña traballando previamente na aula, centrada en dar a coñecer este oficio artesanal desde unha perspectiva próxima e adaptada aos máis pequenos.
Esta iniciativa enmárcase dentro do programa Artesanía na Escola, impulsado para achegar os distintos oficios artesanais galegos a centros educativos de toda a comunidade. Entre os seus principais obxectivos figura dar a coñecer estes oficios como parte do patrimonio cultural e como sector con peso económico, ademais de poñer en valor tanto o produto feito á man como o labor dos profesionais que o elaboran, en tanto que creadores e transmisores de coñecemento.
O programa persegue, así mesmo, difundir saberes tradicionais xunto a propostas de artesanía máis contemporánea, así como fomentar valores asociados a un consumo responsable, a produción local e sustentable e a economía circular. A máis longo prazo, a iniciativa busca contribuír ao relevo xeracional neste tipo de oficios, que en moitos casos afrontan dificultades para atopar continuidade.