Saúde Mental FEAFES entrega no Teatro Principal os premios “Empréganos”

OurenseXa
Os galardóns recoñeceron o labor de Textil Lonia, Vectalia Rail, Prink Iberia, Integra Empleo, a Confederación Empresarial de Ourense, o Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar e Ramiro Gómez de Limpiezas Ramiro
premios-feafes-ourense
17 Apr 2026

Este xoves, Saúde Mental FEAFES Galicia celebrou no Teatro Principal de Ourense a cuarta edición dos seus premios “Empréganos”, unha iniciativa coa que a entidade recoñece o labor de empresas, institucións e persoas que impulsan a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental.

Na categoría de Empresa Promotora do Emprego con Apoio, o galardón foi para Textil Lonia, pola súa ampla oferta de postos de traballo en distintos departamentos dirixidos a persoas con estas dificultades. Vectalia Rail recibiu o premio á Empresa Impulsora da Integración Sociolaboral, en recoñecemento á creación de empregos estables e de longa duración. Pola súa parte, Prink Ourense foi distinguida como Empresa Impulsora do Talento en Prácticas, polo seu labor de acollida de persoas sen experiencia previa e pola súa sensibilidade cara a este colectivo.

Na categoría de Emprego Protexido, a premiada foi Integra Empleo, pola difusión de vacantes e pola calidade dos postos ofrecidos, así como polo seguimento das persoas contratadas. A Confederación Empresarial de Ourense foi recoñecida como Entidade Colaboradora polo seu apoio na visibilización da entidade e pola formación en autoemprego dirixida a persoas con problemas de saúde mental. O Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar recibiu o galardón como Organismo Colaborador, polo traballo en habilidades prelaborais con persoas privadas de liberdade e o seu acompañamento nos procesos de reinserción laboral.

O premio á Persoa Referente foi para Ramiro Gómez, de Limpiezas Integrales Ramiro, pola súa implicación e compromiso coa igualdade de oportunidades e a non discriminación no acceso ao emprego.

Durante o acto, o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, destacou que ao longo de 2025 a entidade conseguiu que 924 persoas con problemas de saúde mental atopasen emprego en Galicia, o que supón o 72,3% das persoas atendidas. Na área de Ourense foron 120 as insercións. Segundo explicou, estes datos amosan que o acompañamento especializado mellora de forma significativa as oportunidades laborais deste colectivo.

O evento foi presentado pola contacontos ourensá Inma Soto e pola usuaria da entidade Nerea Pérez, quen puxo o acento na importancia do traballo como elemento clave para construír un proxecto de vida e reclamou confianza e ausencia de discriminación por parte das empresas.

Ao acto asistiron representantes institucionais como a concelleira de Política Social de Ourense, Tamara Silva Cid; a deputada provincial de Políticas Sociais, Patricia Torres Madureira; e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño Regueiro. Tamén participaron arredor dun cento de persoas entre profesionais, usuarios, entidades colaboradoras e empresariado da provincia.

Desde FEAFES Galicia lembran que a taxa de emprego das persoas con problemas de saúde mental se sitúa no 22,3%, a máis baixa entre os distintos tipos de discapacidade segundo datos do INE. A entidade defende que estes problemas non teñen por que ser unha barreira para traballar e destaca que, con apoio axeitado, moitas persoas desenvolven o seu labor con compromiso e boa rendibilidade profesional.

Saúde Mental FEAFES Galicia é unha organización sen ánimo de lucro que traballa desde 1995 na defensa dos dereitos e na mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias. Na actualidade integra 12 asociacións repartidas por toda Galicia e presta servizos en arredor de 30 localidades.

0.12713313102722