Seis moedas históricas de Galicia custodiadas en Ourense reciben a declaración de Ben de Interese Cultural

GaliciaXa | OurenseXa
As pezas, actualmente depositadas no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, están vinculadas ao período suevo e visigodo e aos reinados dos Reis Católicos e Felipe II
moedas-museo-ourense
8 Oct 2026

A Xunta de Galicia completou o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de ben moble singular, seis moedas históricas que forman parte da colección numismática do galego Antonio Orol. A resolución publícase este xoves no Diario Oficial de Galicia e pon fin ao proceso iniciado para protexer estas pezas polo seu valor histórico e cultural.

Segundo recolle o expediente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, as moedas constitúen testemuños materiais e documentais de diferentes etapas da historia de Galicia, entre elas o período do Reino Suevo e o medievo renacentista. Os técnicos destacan ademais a súa rareza, xa que non se coñecen ata o momento outros exemplares iguais.

As pezas abrangue emisións correspondentes ao período suevo e visigodo, así como aos reinados dos Reis Católicos e Felipe II. O expediente salienta que as moedas históricas obxecto da declaración presentan un excelente estado de conservación.

Entre as pezas destaca unha emisión considerada única, que constitúe unha das poucas testemuñas materiais e documentais auténticas da existencia do Reino Suevo en Galicia. Os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural recoñécenlle “un valor cultural senlleiro” polas súas características artísticas. O expediente tamén pon o foco en dúas moedas cuñadas na Coruña, ás que atribúe un “gran valor cultural e de rara cuñación”.

As seis pezas están actualmente depositadas no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, onde se custodian como parte do patrimonio histórico e numismático. O procedemento de declaración iniciouse inicialmente sobre un total de sete moedas. Non obstante, unha delas, identificada como un cuarto de excelente dos Reis Católicos da ceca da Coruña, foi adquirida nunha poxa polo Ministerio de Cultura mediante o exercicio do dereito de tenteo.

Esta última peza pasou a formar parte das coleccións do Estado e quedou depositada no Museo Arqueolóxico Nacional, polo que finalmente son seis as moedas incluídas na declaración de Ben de Interese Cultural publicada no Diario Oficial de Galicia.

0.18331503868103