Simega fai un chamamento aos médicos galegos para secundar a folga da próxima semana

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Afirma que pacientes e médicos son as “vítimas” de Mónica García, ao lograr suspender centos de miles de consultas e intervencións
folga-de-médicos-no-HULA-Lugo
15 May 2026

O Sindicato de Médicos de Galicia (Simega) fai un chamamento a todos os médicos, facultativos e MIR do Sergas para participar activamente na cuarta semana da folga indefinida en defensa dun Estatuto Profesional Propio e dunha Mesa de Negociación específica para a profesión médica.

O sindicato expón que a incapacidade da ministra de Sanidade, Mónica García, para saír dunha folga que ela mesma provocou, conseguiu unir aos médicos e facultativos de toda España e prexudicar a centos de miles de pacientes, que viron como as súas probas diagnósticas, consultas e intervencións tiveron que ser adiadas.

Simega tamén esixe ao Sergas o cumprimento das reivindicacións históricas e dos acordos pendentes de resolver desde que se iniciou o conflito hai meses, como a actualización do acordo de urxencias hospitalarias do ano 2007, para adaptalo á realidade actual en materia de xornada laboral, retribucións e condicións de traballo.

Así mesmo, solicita á Xunta o desenvolvemento do regulamento para os módulos compensatorios de garda para o persoal maior de 55 anos; e a regulación das gardas localizadas, garantindo as correspondentes libranzas, a conversión económica en gardas físicas cando proceda e a aplicación dos acordos de módulos compensatorios tamén para o persoal que realiza este tipo de gardas cando cheguen aos 55 anos.

O Sindicato de Médicos de Galicia tamén reclama o rateo das gardas localizadas en situacións especiais como embarazo, lactación e procesos oncolóxicos; e o rateo da nocturnidade e festividade durante as situacións de incapacidade temporal (IT).

Ademais, demanda o desenvolvemento integral do novo modelo de Atención Primaria, respectando os acordos acadados o 25 de novembro de 2025 e garantindo unha implantación consensuada cos profesionais.

Simega considera imprescindible abordar de maneira urxente estas cuestións para mellorar as condicións laborais do persoal sanitario, favorecer a estabilidade dos cadros de persoal e garantir unha atención sanitaria pública de calidade.

A organización sindical conclúe advertindo que continuará impulsando todas as accións sindicais e de mobilización necesarias para que as xustas reivindicacións de médicos e facultativos sexan atendidas tanto por parte do Ministerio de Sanidade como polo Sergas.

0.1326858997345