‘Son de Outono’ encherá este sábado o Colexio e a Parroquia de San Pío X de música e cultura tradicional galega

OurenseXa
A cita combinará obradoiros formativos, espazos expositivos, unha merenda popular e concertos en directo a partir das 16.00 horas
Son de Outono 2026 Ourense
19 Nov 2026

Este sábado, 21 de novembro, o Colexio e a Parroquia de San Pío X serán o escenario de ‘Son de Outono’, unha xornada dedicada á música e á cultura tradicional galega organizada pola Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia. O evento abrirá as súas portas ás 16.00 horas e prolongarase ata a noite cunha proposta que combina formación, exposicións e música en directo.

A xornada comezará cunha oferta formativa composta por tres obradoiros de prazas limitadas. O primeiro deles, o ‘Obradoiro de Percusión Corporal’, estará a cargo de Sergio Tannus entre as 16.00 e as 17.15 horas, cun custo de 10 euros. A continuación, de 17.30 a 18.30 horas, celebraranse de forma gratuíta outras dúas propostas organizadas pola propia asociación: o ‘Obradoiro de Iniciación á Música Tradicional en Familia’ e o ‘Obradoiro de Culleres’. Quen desexe participar en calquera destas actividades deberá inscribirse previamente na escola de música ou a través do teléfono 649765876.

Paralelamente, desde as 16.00 horas o recinto contará cunha zona expositiva aberta a todos os asistentes, na que se poderán ver instrumentos tradicionais, pezas de artesanía, pintura, literatura e obxectos antigos.

Xa pola tarde, ás 18.30 horas, está prevista unha merenda popular que dará paso ao bloque musical da xornada. Desde as 19.30 horas, con entrada gratuíta, sucederanse sobre o escenario as actuacións de Zoadeira e Cuncas do Son, ambos vinculados á entidade organizadora, xunto aos grupos convidados Trovare, Sete Estralos e A Voz das Mouras.

Desde a Asociación Música e Cultura de Galicia fixeron un chamamento á participación, convidando tanto aos veciños como aos afeccionados á tradición musical galega a gozar desta cita festiva.

0.16296195983887