Sorteo o 1 de decembro de 64 vivendas públicas en alugueiro en Cambedo da Raia

O vindeiro 1 de decembro celebrarase o sorteo para adxudicar en réxime de alugueiro 64 vivendas de promoción pública que se están a construír no lugar de Cambedo da Raia, na cidade de Ourense. O acto terá lugar ás 10.00 horas ante notario, no salón de actos da sede da Delegación Territorial da Xunta en Ourense, situada na avenida da Habana, número 79.
A Comisión Provincial de Vivenda de Ourense deu hoxe luz verde ao inicio do procedemento de adxudicación destes inmobles. O sorteo anunciarase oficialmente no Diario Oficial de Galicia e nel participarán as persoas que figuren inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda co Concello de Ourense como municipio preferente.
As vivendas forman parte de catro edificios actualmente en construción na cidade. En total repartiranse oito vivendas de catro cuartos, 39 de tres cuartos e 17 de dous cuartos, das cales tres estarán reservadas a persoas con mobilidade reducida.
Ao tratarse de inmobles destinados ao alugueiro, apartarase un 40 % do total para persoas menores de 36 anos, en liña coas medidas dirixidas a facilitar o acceso á vivenda entre a poboación nova.
Requisitos para optar ao sorteo
Para poder participar e resultar beneficiario dunha destas vivendas, entre outras condicións, é preciso estar inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda sinalando o Concello de Ourense como municipio preferente, así como residir ou traballar no devandito municipio.
A isto súmase a obriga de non dispor dunha vivenda en propiedade e de acreditar uns ingresos ponderados por unidade familiar ou de convivencia que se sitúen entre 0,7 e 4 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), limiar que se amplía ata 4,5 veces no caso das familias numerosas.