SOS Sanidade organiza un debate público en Ourense sobre saúde mental e traballo

OurenseXa
O encontro analizará as listas de espera en saúde mental, os factores de risco laboral e a atención psicolóxica no sistema sanitario
atencion-saude-mental-suicidio
14 Oct 2026

A asociación SOS Sanidade Pública de Ourense organizou un debate aberto baixo o título 'Traballo e Saúde Mental', que se celebrará o xoves 15 de outubro ás 19.30 horas no salón de actos do Edificio Sindical, situado no Parque de San Lázaro de Ourense.

O acto reunirá a distintos colectivos vinculados á sanidade e ao ámbito sindical para debater sobre a situación actual da saúde mental e a súa relación co contorno laboral. Entre os asuntos previstos figura un repaso ás listas de espera existentes nos servizos de saúde mental, así como unha análise de factores de risco como o desemprego, o acceso á vivenda e a precariedade laboral.

O programa tamén inclúe un apartado dedicado ás medidas postas en marcha para o seguimento das persoas que se atopan en situación de incapacidade temporal (I.T.), un asunto que xerou debate no ámbito sanitario e sindical. Así mesmo, abordarase a posibilidade de reformar a atención primaria para incorporar de xeito máis amplo a atención psicolóxica.

A mesa de debate estará moderada por X. Luís Álvarez, en representación de SOS Sanidade Ourense, e contará coa participación de Nuria Seijas, da Asociación de Psicoloxía Clínica do Sergas; representación sindical a cargo de Nuria González e Almudena Pérez; e unha representante de enfermaría do sindicato CIG-Saúde.

A actividade está organizada por SOS Sanidade Pública Ourense e ten entrada libre para todas as persoas interesadas en participar ou asistir ao debate.

0.16232490539551