Suso Seixo presenta en Ourense o libro 'O nacionalismo obreiro nacionalista galego' o martes 13 de outubro

A Agrupación Cultural Auriense organizou para o vindeiro martes 13 de outubro, ás 20.15 horas, no Café Cultural Auriense de Ourense, un acto de presentación dunha nova publicación centrada na historia do sindicalismo de corte nacionalista en Galicia.
Trátase do libro 'O nacionalismo obreiro nacionalista galego', escrito por Suso Seixo, quen preside a Fundación Moncho Reboiras. O autor estará acompañado na presentación por Xosé Ramón González Losada, traballador xubilado do sector bancario e figura histórica vinculada ao sindicalismo galego.
A obra propón un percorrido pola relación existente entre o movemento obreiro e o nacionalismo galego, detendose no proceso mediante o cal foi construíndose un sindicalismo de clase cunha perspectiva nacional propia. Ao longo das súas páxinas, o libro repasa distintas etapas e experiencias vividas polo movemento obreiro en Galicia, rescatando o labor de organizacións e militantes que resultaron determinantes para dar forma a ese nacionalismo de raíz obreira no país.
Segundo os organizadores, o encontro permitirá tamén afondar no coñecemento da traxectoria do sindicalismo galego, nas persoas que a protagonizaron e nos debates que foron marcando a evolución tanto do movemento obreiro como do nacionalismo en Galicia. O formato do acto está pensado como un espazo aberto, no que se dará pé á participación do público e ao coloquio posterior.
Desde a entidade organizadora destacan a relevancia de impulsar iniciativas deste tipo, orientadas a fomentar a divulgación e o debate sobre a historia social e política galega, así como a contribuír a manter viva a memoria do movemento obreiro e das súas reivindicacións.