Taboada incorpora novo equipamento deportivo no local da asociación de xubilados

O Concello de Taboada incorporou novo equipamento deportivo destinado ás persoas maiores, adquirido con financiamento proporcionado polo GDR Miño-Ulla. A dotación está composta por tres tipos de máquinas: unha cinta de correr, unha bicicleta elíptica e un ergómetro.
Dous destes equipos instalaranse no local da asociación de xubilados, situado nos baixos da Casa da Cultura, cuxo uso foi cedido á entidade. Esta actuación súmase ás melloras realizadas neste espazo, que foi rehabilitado o pasado ano.
A terceira máquina situarase no ximnasio municipal, onde estará dispoñible para todas as persoas usuarias, aínda que contará con preferencia expresa para as persoas maiores.
Con esta incorporación, o Concello de Taboada busca mellorar os equipamentos deportivos e os servizos destinados ás persoas maiores, ademais de fomentar entre elas un envellecemento activo.