Taboadela será o escenario dunha xornada solidaria a beneficio da ONG Mam Nala

O Concello de Taboadela acollerá o vindeiro 1 de agosto de 2026 unha nova xornada solidaria a beneficio da ONG Mam Nala, entidade que desenvolve proxectos sanitarios e educativos en Senegal.
A iniciativa desenvolverase no Monte San Xoán e no chiringuito das piscinas, onde se organizará un programa de actividades pensado para todos os públicos co obxectivo de recadar fondos para apoiar o traballo da organización.
A programación dará comezo ás 12:30 horas cun espectáculo a cargo do mago Pablo Estévez Torrado. Pola tarde, a cita continuará ás 18:30 horas, cunha charla de presentación da ONG Mam Nala, seguida da proxección dunha curtametraxe sobre os proxectos que desenvolve en Senegal. Esta actividade permitirá ás persoas asistentes coñecer de primeira man o labor que realiza a entidade no ámbito sanitario e educativo.
Ás 20:00 horas terá lugar unha masterclass de Bodycombat impartida por Marcos Moreiras. A música será protagonista a partir das 22:00 horas, cando DJ Sula ofrecerá unha sesión centrada en ritmos africanos para amenizar a noite.
A xornada concluirá ás 00:00 horas coa celebración dunha tómbola solidaria, coa que se pechará un evento que busca combinar lecer e solidariedade para contribuír ao financiamento dos proxectos impulsados pola ONG Mam Nala en Senegal.