Tecedora SóLODOS leva a Nogueira de Ramuín unha actividade centrada na sensibilización ambiental

O proxecto Tecedora SóLODOS, en colaboración co Concello de Nogueira de Ramuín e a Asociación de Mulleres Rurais Ecos de Moura, organiza este 9 de maio na parroquia de Moura unha actividade centrada na sensibilización ambiental baixo o lema “Rexenerar o noso verde, xuntas e xuntos”, unha proposta que combinará formación e expresión artística arredor do coidado do medio natural.
A iniciativa, de carácter gratuíto e aberta a todos os públicos, desenvolverase entre as 11:00 e as 12:30 horas na Escola de Moura e, posteriormente, trasladarase ao exterior. O programa inclúe un obradoiro de concienciación sobre a importancia da conservación dos montes e do contorno natural, seguido dunha actuación de danza contemporánea.
Trátase dunha actividade concibida para fomentar a conexión co territorio e a reflexión sobre o seu coidado a través dunha experiencia participativa e cultural.
A proposta está organizada por Tecedora SóLODOS, en colaboración co Concello de Nogueira de Ramuín e Ecos de Moura.