Ramirás acolle unha exposición sobre a represión sufrida polas mulleres da comarca de Celanova

O Centro Sociocultural do Picouto, no concello de Ramirás, alberga desde este luns e ata o vindeiro 7 de agosto a exposición 'Presas e Mestras. A represión sobre as mulleres na comarca de Celanova', unha iniciativa que afonda na memoria histórica a través de testemuños e documentación sobre a persecución exercida contra numerosas mulleres durante a ditadura.
Entre os contidos da mostra destacan os expedientes e documentos relacionados con dúas veciñas de Ramirás que sufriron de maneira directa as consecuencias da represión. Un dos casos é o de Amparo González, natural de Carraguedo das Pereiras, mestra que exerceu a docencia no municipio e que foi represaliada pola súa participación na Asociación de Traballadores do Ensino.
A exposición tamén recupera a historia de María Gayo, rexente da escola de Freás de Eiras, que foi detida e encarcerada inicialmente en Celanova antes de ser trasladada a Ourense. As autoridades acusárona de ocultar no seu domicilio a un desertor do exército, unha imputación pola que tivo que afrontar un proceso represivo.
A través destes documentos, a exposición pretende poñer en valor a memoria das mulleres que sufriron persecución por motivos políticos ou ideolóxicos, contribuíndo a divulgar unha parte da historia da comarca de Celanova e a preservar o recordo das vítimas da represión.