Toén acollerá unha tarde de cine e música dedicada ao Entroido o 3 de outubro

OurenseXa
O Centro de Interpretación do Entroido de Mugares proxectará documentais, un videoclip e unha campaña publicitaria, con entrada gratuíta e degustación de viño Ribeiro ao remate
Presentación da Asociación Cultural Entroido de Mugares
Imaxe de arquivo
26 Sep 2026

O Centro de Interpretación do Entroido de Mugares (CIEM), en Meabe, Toén, acollerá o vindeiro sábado 3 de outubro unha tarde dedicada ao audiovisual e á música arredor do Entroido. A iniciativa, bautizada como Meabe, abrirá as súas portas ás 16.30 horas para dar paso a un programa de proxeccións que combinará documentais, unha peza publicitaria e un videoclip musical.

Entre os contidos que se poderán ver atópase o documental 'La burra del Entroido de Tremor de Arriba', realizado polo Instituto de Estudios Bercianos. Tamén se proxectará a curtametraxe documental 'O segredo do fulión', producida por Andaman Multimedia e Mirabelle Co.

O programa incluirá ademais a campaña publicitaria 'En Galicia somos de Entroido', de Aceites Abril, así como o videoclip 'Namoreime de ti', do artista verinés Pappaquino.

Unha vez rematadas as proxeccións, a organización ten previsto un tardeo con viño Ribeiro e picoteo para todos os asistentes.

A actividade, de entrada gratuíta, está organizada pola Asociación Cultural Entroido de Mugares e conta coa colaboración do Concello de Toén.

0.16977715492249