Toén premiará a decoración nadalega de fogares, asociacións e comercios, así como os debuxos infantís sobre o Nadal

O Concello de Toén puxo en marcha dúas convocatorias para animar as festas nadalegas no municipio: un concurso de decoración nadalega, que chega á súa sétima edición, e un certame de debuxo infantil centrado no Nadal, na súa segunda edición.
O concurso de decoración está dividido en tres categorías. Na individual poderán inscribirse persoas físicas maiores de idade empadroadas en Toén. Tamén poderán participar persoas xurídicas sen ánimo de lucro con domicilio social no municipio, como asociacións ou comunidades de montes veciñais, así como centros públicos locais, entre eles o colexio, o centro de saúde, o centro de día ou a escola infantil. A terceira categoría está reservada a escaparates comerciais, aberta a titulares de establecementos, xa sexan persoas físicas ou xurídicas. Quedan excluídos de participar os/as concelleiros/as da Corporación municipal, o persoal empregado do Concello e os seus familiares directos, tanto ascendentes como descendentes de primeiro grao.
Entre os requisitos, as bases esixen que a decoración poida verse desde a vía pública. As entidades sen ánimo de lucro que desexen ocupar espazo público para a súa instalación deberán solicitar previamente a autorización municipal. En canto ao estilo, déixase total liberdade de técnica sempre que o motivo xire arredor do ambiente nadalego. Un xurado valorará aspectos como a creatividade, a orixinalidade, a combinación de elementos e cores, a iluminación e a composición xeral, ademais dos materiais empregados.
Os premios económicos deste concurso ascenden a 200 euros para a categoría individual, 350 euros para a de persoas xurídicas sen ánimo de lucro e 200 euros para a de escaparates comerciais. O prazo para presentar as solicitudes remata o 18 de decembro ás 14.30 horas.
Pola súa banda, o concurso de debuxo infantil vai dirixido a todo o alumnado matriculado no CEIP Saco e Arce durante o curso 2026-2027. Ao tratarse de menores, será necesario achegar unha autorización asinada polo pai, a nai ou o titor ou titora legal.
Os debuxos deberán abordar o Nadal desde calquera perspectiva —tradicións, familia, amizade, solidariedade, paisaxes ou ilusión, entre outras— e poderán realizarse coa técnica que cada participante prefira: lapis de cores, rotuladores, ceras, acuarelas ou collage. Eso si, deberán presentarse en papel ou cartolina tamaño A4. A valoración terá en conta a creatividade e orixinalidade, a adecuación ao tema proposto, o coidado e esforzo persoal, e a capacidade de transmitir os valores propios destas datas.
O premio deste certame é de 100 euros, e o prazo de inscrición remata o 11 de decembro ás 14.30 horas.
As bases completas de ambas as convocatorias poden consultarse na sede electrónica municipal de Toén e na Base de Datos Nacional de Subvencións.