Toma posesión a nova directiva do Colexio Médico de Ourense na celebración do Día do Médico

OurenseXa
O director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Servizo Galego de Saúde, Salvador Mariño-Ageitos, defendeu a necesidade de levar a cabo transformacións neste nivel asistencial
toma-posesion-directiva-colexio-medico-ourense
6 Jun 2026

O director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Servizo Galego de Saúde, Salvador Mariño-Ageitos, defendeu a necesidade de levar a cabo transformacións neste nivel asistencial que permitan facer fronte aos novos desafíos sanitarios. A tal efecto explicou que a Xunta leva meses traballando nunha reforma da atención primaria que, dixo, “iniciará o camiño de superación para mellorar a asistencia aos nosos pacientes e a vida dos nosos profesionais”.

O director xeral de Atención Primaria e Comunitaria considerou unha honra representar ao conselleiro de Sanidade na celebración do Día do Médico e no acto de toma de posesión da nova xunta directiva do Colexio Oficial de Médicos de Ourense, cuxa presidenta asume tamén a presidencia do Consello Galego de Colexios Médicos, no seu primeiro acto oficial como director xeral.

Sinalou que este é un acto “no que celebrar a profesión que compartimos e que precisa hoxe máis que nunca guías, referentes e valedores”. Por iso, dixo, “os merecidos recoñecementos dos que hoxe somos testemuñas dan fe de que contamos con grandes exemplos da vocación científica, humanista e de servizo público”.

Na súa intervención, Salvador Mariño-Ageitos referiu que os colexios galegos de médicos inician unha nova etapa, de igual modo que tamén o fai a sanidade pública coa creación dunha nova Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria “que busca poñer en primeiro plano o nivel asistencial no que reside a esencia da nosa profesión, pero tamén onde se atopan algúns dos seus maiores desafíos”, remarcou.

Para Salvador Mariño-Ageitos, a provincia de Ourense é o escenario que mellor representa eses desafíos sanitarios, entre os que citou a poboación lonxeva, as pluripatoloxías, a cronicidade, a maior necesidade de coidados, a dispersión territorial ou as dificultades de cobertura das prazas médicas.

A este respecto incidiu en que a medicina e os médicos, de forma coordinada e colaborativa co resto de categorías sanitarias, “debemos ser capaces de dar resposta eficaz á poboación sen deixar polo camiño a calidade da atención”.

O director xeral do Sergas rematou a súa intervención sinalando que “agarda seguir atopando nos colexios médicos o asesoramento serio, rigoroso e sereno que necesitamos para avanzar no progreso da sanidade pública que é, ao fin e ao cabo, o progreso da nosa sociedade”.

0.12618517875671