Torán retoma esta noite as festas de San Ramón cunha cea popular en homenaxe a Clodomiro Novoa

OurenseXa
A parroquia de Santa María de Torán celebra esta fin de semana as festas patronais, con cea de homenaxe, proxección de imaxes de 1988, misa, procesión e música en directo con Feitizo de Pau
cartel_toran_festas_taboadela
28 Aug 2026

A parroquia de Santa María de Torán, dá comezo esta tarde ás súas festas en honra ao patrón San Ramón, un programa que se prolongará ata o domingo con actividades para todas as idades.

A xornada de apertura, este venres 28 de agosto, comezará ás oito da tarde cunha cea popular na que os veciños renderán un recoñecemento especial a Clodomiro Novoa, en agradecemento á súa implicación e ao seu traballo constante durante anos á fronte da Asociación de Veciños de Torán. A organización avanzou que, xa entrada a noite, haberá unha sorpresa para os asistentes.

O sábado 29, a festa continuará pola tarde, a partir das cinco, con xogos abertos a veciños de todas as idades. Máis tarde, ás oito, proxectarase un vídeo gravado durante as festas de 1988, unha cita pensada para que tanto quen viviu aqueles anos coma os máis curiosos poidan revivir o ambiente da época.

O domingo 30 de agosto será o día central da celebración, coa misa en honra ao patrón e a posterior procesión ás 12.30 horas. Á unha da tarde, tras o percorrido procesional, a festa continuará cunha sesión vermú amenizada pola actuación en directo do grupo Feitizo de Pau.

Para quenes participan na cea e demais actos con inscrición previa, a organización fixou un prezo de 20 euros para adultos e 10 euros para menores, aínda que o prazo para anotarse e confirmar a asistencia pechou o pasado 23 de agosto.

0.1483039855957