Transportes adxudicou 10,12 millóns para a conservación de estradas no territorio ourensán

OurenseXa
Os tramos sobre os que se actuará ao longo das próximas datas están destinados ao mantemento e conservación de 214,6 quilómetros de estradas de titularidade estatal na provincia de Ourense
Traballos na N-120
Traballos na N-120
27 Nov 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca a importancia que ten para o Goberno a provincia de Ourense e as súas estradas, logo de coñecerse a adxudicación por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible dun contrato de 10,12 millóns para a conservación de estradas no territorio ourensán. As e os socialistas afirman que estamos ante un executivo que “pensa en Ourense e que demostra o seu compromiso coa provincia con importantes investimentos en materia de infraestruturas”.

Os tramos sobre os que se actuará ao longo das próximas datas están destinados ao mantemento e conservación de 214,6 quilómetros de estradas de titularidade estatal na provincia de Ourense. Concretamente levaranse a cabo traballos na N-120, N-436, N-542, N-525, N-540; N-541, N-544 e N-120A. Os traballos terán unha duración inicial de tres anos e están dirixidos a garantir as condicións de circulación, viabilidade e seguridade. Ademais, tal e como explican as e os socialistas, os pregos inclúen condicións para “promover a mellora da eficiencia enerxética e reducir as emisións de CO2 anuais nas estradas da provincia de Ourense”.

A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, e o senador, Rafael Rodríguez Villarino, subliñan que o obxectivo principal de este “importante” investimento vaise centrar en “mellorar a vixilancia e a atención de accidentes, potenciar a viabilidade invernal, garantir o mantemento das instalacións e o control de túneles e comunicacións e rehabilitar e mellorar os firmes e a sinalización cunhas obras moi necesarias”.

“Estamos ante investimentos de vital importancia para a conservación das estradas de titularidade estatal da provincia”, afirman Martín e Villarino, que tamén apuntan que as actuacións “supoñen unha notoria mellora na circulación, na seguridade viaria e na visibilidade dos condutores que circulan a diario por estas estradas”. Os representantes do PSdeG-PSOE de Ourense en Madrid poñen o foco en que dende a chegada ao Goberno do PSOE “Ourense recibiu investimentos nunca antes vistos, o que demostra o compromiso do executivo de Sánchez coa nosa provincia”.

“A través destes traballos conseguiremos que as citadas estradas dispoñan de mellores condicións para a circulación e a seguridade”, indican Martín e Villarino, que tamén destacan que o modelo de contratos mixtos de servizos e obra “busca ofrecer un servizo integral de mobilidade ao usuario, mellorando o estado da estrada e optimizando os recursos públicos”. A deputada e o senador do PSdeG-PSOE de Ourense inciden en que estas actuacións “permitirán reducir as toneladas de CO2 anuais que xera o funcionamento ordinario e as labores de mantemento e explotación das estradas, reforzando a orientación cara os obxectivos de desenvolvemento sostibles”.

O contrato inclúe tamén o arranxo dos Elementos Susceptibles de Mellora mediante actuacións de mantemento (ESMAMS) nas estradas do sector OR-1 identificadas en inspeccións principais de seguridade viaria dentro da provincia de Ourense.

0.16123199462891