Trece colexios de Ourense participan no programa piloto de vacinación infantil fronte á gripe

Un total de trece centros educativos da provincia de Ourense súmanse ao programa piloto de vacinación infantil fronte á gripe mediante unha vacina de administración intranasal, unha iniciativa que se desenvolve por segundo ano consecutivo. A campaña está dirixida ao alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil e aos escolares de primaria nados entre 2015 e 2023 matriculados nos centros participantes, o que supón unha poboación diana de 3.731 alumnos.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, fixo seguimento este martes da iniciativa no CPI Antonio Failde, no concello de Coles, acompañado pola alcaldesa, Susana Rodríguez. Durante a visita, salientou que tanto os casos de gripe en idade infantil como a porcentaxe de nenos que precisan hospitalización por cadros graves son considerablemente máis altos que entre a poboación adulta. A iso engádese que os nenos actúan como os principais transmisores do virus, xa que o liberan en maior cantidade, durante máis tempo e propágano facilmente na súa contorna.
Segundo explicou, vacinar a poboación infantil non só protexe a título individual a cada escolar fronte á enfermidade e as súas posibles complicacións, senón que tamén achega un beneficio colectivo, ao reducir a transmisión do virus na contorna escolar e familiar e diminuír o contacto coa gripe dos grupos máis vulnerables. Neste sentido, animou ás familias a optar pola vacinación, subliñando que a prevención segue a ser a mellor ferramenta de protección. Ademais, resaltou que o formato intranasal facilita a súa aceptación entre a poboación pediátrica, activa a inmunidade local e contribúe a reducir as infeccións bacterianas causadas polo estreptococo.
O representante da Xunta lembrou que, na campaña do curso anterior, a cobertura global acadada entre a poboación infantil situouse no 54,09 %, o que converteu a Ourense na segunda provincia con mellor cobertura de Galicia, só por detrás da Coruña, que rexistrou un 53,41 %. No que respecta especificamente a este proxecto piloto, o 46,83 % dos escolares ourensáns matriculados nos centros participantes recibiu a vacina.
Sobre estes datos, Pardo sinalou que reflicten "o compromiso da cidadanía e o traballo dos profesionais sanitarios", e amosou a súa confianza en que esta segunda edición permita acadar o obxectivo marcado do 60 % de cobertura vacinal neste grupo de poboación.
A vacinación realízase directamente nos centros educativos, previa autorización asinada polos pais ou titores do alumnado, en xornadas programadas entre o 13 e o 20 de outubro. O preparado utilizado é o mesmo que se administra habitualmente nos centros de saúde para esta franxa de idade.
Ademais do CPI Antonio Failde de Coles, na provincia de Ourense participan neste proxecto piloto os centros CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, CPR Plurilingüe Divina Pastora, CPR Pablo VI Fátima (A Rúa), CEIP Padre Feijóo (Allariz), CPI Terras de Maside, CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo e CPR Plurilingüe Sagrado Corazón (O Carballiño), os centros CPR Plurilingües Guillelme Brown e Miraflores (O Pereiro de Aguiar), o CPR Plurilingüe María Inmaculada (Verín), e os CEIP Carlos Casares e Rosalía de Castro (Xinzo de Limia).