Tres aves recuperadas no Centro do Rodicio foron liberadas este sábado no Monte Faro

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Os exemplares foron devoltos ao medio natural tras superar os seus procesos de rehabilitación
solta-aves
11 Jul 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o traballo dos centros de recuperación de fauna silvestre da Xunta e destacou a importancia da colaboración da cidadanía para garantir a conservación e protección da biodiversidade de Galicia.

A conselleira sinalou que a preservación da riqueza ambiental da Comunidade é unha cuestión “que nos afecta a todos” e lembrou as actuacións que deben seguirse no caso de localizar un animal silvestre ferido ou debilitado.

Así, indicou que non se debe manipular o exemplar salvo que sexa imprescindible e que cómpre avisar ao teléfono 112 ou aos axentes ambientais da Xunta, para que sexan os profesionais os encargados de coordinar a recollida e o traslado do animal ferido, enfermo ou incapacitado ao centro correspondente.

A partir dese momento, segundo explicou Ángeles Vázquez, o persoal dos centros de recuperación encárgase de proporcionarlle asistencia veterinaria especializada e de desenvolver os procesos de rehabilitación física adaptados a cada especie.

Nos catro centros de recuperación de fauna silvestre da Xunta, un por cada provincia galega, rexistráronse no que vai de ano un total de 253 ingresos.

O obxectivo final destes traballos é devolver os exemplares ao medio natural cando recuperan as condicións necesarias para sobrevivir en liberdade. Precisamente, esta mañá realizouse a solta dun voitre común (Gyps fulvus) e de dous exemplares de miñato abelleiro (Pernis apivorus) no Monte Faro, no Concello de Chantada.

Ángeles Vázquez participou no acto de liberación destes tres animais, que foron recuperados no Centro de recuperación de fauna silvestre do Rodicio tras sufrir diferentes traumatismos que lles impedían voar ou comprometían a súa supervivencia.

Despois de completar o tratamento veterinario e o proceso de rehabilitación correspondente, os exemplares recuperaron plenamente a capacidade de voo. Os técnicos certificaron que se atopaban en condicións de regresar ao seu hábitat.

As tres aves están identificadas cunha anela metálica que permitirá realizar o seu seguimento en caso de futuros avistamentos ou novas recuperacións.

0.10680603981018